terça-feira, 7 de maio de 2019

“Volver a auga ó rego”, equivalente, entre outras, ó castelán “volver las aguas a su cauce”


O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".
 
Fonte de auga
Por Xosé Antonio Pena
En moitas ocasións en que volve á normalidade, ou ó seu estado inicial, unha situación que se tornara dificultosa, embrollada ou moi complicada, non nos resulta estraño escoitar iso de que *volveron as augas ó seu cauce". Sen embargo, desde o punto e hora que cauce é unha voz espuria ou allea ó galego, podemos deducir que a expresión tampouco é precisamente propia da nosa lingua. Así e todo, en galego si que dispomos de paremias que fornecen ese mesmo contido. Botémoslles un ollo a algunhas delas.

Volver # Regresar las aguas a su cauce
{= Volver á normalidade, ou ó seu estado inicial, unha situación que se tornara dificultosa, embrollada ou moi complicada }
Volver # Tornar a(s) auga(s) ó rego
[E mais tamén]:
Volver # Tornar a(s) cousa(s) ó seu && Volver # Tornar a(s) cousa(s) ó rego
Ex.: Tras un pésimo inicio de temporada, han vuelto las aguas a su cauce y el equipo ya se ha encaramado al primer puesto de la tabla clasificatoria.
Tras un pésimo empezo de temporada, volveu a auga ó rego  volveron as augas ó rego  volveron as cousas ó seu  tornou a cousa ó rego e o equipo xa se empoleirou no primeiro posto da táboa clasificatoria.

● Tamén:
Volver # Tornar o carro ó seu carril && Volver # Tornar as augas ó (seu) carril && Volver # Tornar as noces ó carabel && Volver # Tornar as cousas ó seu natural
Ex.: Tras un pésimo empezo de temporada, volveu o carro ó seu carril  tornaron as augas ó seu carril  volveron as noces ó carabel e o equipo xa se empoleirou no primeiro posto da táboa clasificatoria.

● E mesmo tamén, en certos contextos en que partimos da base de que unha cousa se torceu ou foi a peor:
Enderezarse las cosas
Endereitárense as cousas && Endereitarse o carro
Ex.: Tras un pésimo empezo de temporada, endereitouse o carro e o equipo xa se empoleirou no primeiro posto da táboa clasificatoria.

NOTAS:
1. Polo que atangue á voz castelá cauce, presenta nesta lingua, botando man do Diccionario de la Real Academia Española (DRAE), tres acepcións fundamentais:
Cauce (DRAE): 1. m. Lecho de los ríos y arroyos. 2. m. Conducto descubierto o acequia por donde corren las aguas para riegos u otros usos. 3. m. Conducto, medio, o procedimiento para algo. Buscaron nuevos cauces de entendimiento.
Pero, ¿que formas temos en galego, para dar conta deses mesmos conceptos? Pois basicamente as seguintes:
▪ Para a acepción 1: leito. Tamén: madre, álveo.
▪ Para a acepción 2: canle. Tamén, en liñas xerais: [para unha gabia feita co fin de conducir a auga] cal, quenlla, caldeira, calexa; [para un leito artificial de maior caudal cós casos anteriores] canal.
▪ Para a acepción 3: canle, vía, conduto (e mesmo entendemos que tamén, inda que a día de hoxe non se recolla no DRAG: canal). Tamén, en certos contextos: trámite, circuíto.
2. En relación coa expresión endereitarse o carro, tirada do Diccionario enciclopédico gallego castellano de Eladio Rodríguez, tamén presenta a súa correspondente paremia antónima, recollida nesa mesma obra: torcerse o carro. Ex.:
Ex.:—¿Cómo le fue lo de la licitación de la obra? —Pues creo que las cosas se le complicaron/torcieron y que al final se quedó sin la concesión.
—¿Como lle foi o da licitación da obra? —Pois creo que se lle torceu o carro  que as cousas se lle complicaron/torceron e que ó último quedou sen concesión.
3. Velaquí un pequeno repaso a léxico que aparece neste artigo e que se callar resulta descoñecido ou dubidoso para algúns lectores (de tirarmos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):
Empoleirar (DRAG): ►PARA TODAS AS ACEPCIÓNS, ANTÓNIMO: DESAPOLEIRAR(SE) verbo pronominal 1. [Galiña] subir ao poleiro. As galiñas empoléiranse cando van durmir. Sinón.: apoleirarse. 2. [Persoa, animal] pórse nun sitio alto. Empoleirouse unha cegoña no alto do campanario. // verbo transitivo 3. Pór [unha persoa ou animal] nun sitio alto. Empoleirou o neno sobre os ombreiros para que vise mellor.
Carabel (DRAG): substantivo masculino ►FORMA MÁIS RECOMENDABLE: CARABELO.
Carabelo (DRAG): substantivo masculino Pequena cesta con asa, feita con vergas ou varas tecidas. Ía para a leira co carabelo do xantar na cabeza. ►FORMA MENOS RECOMENDABLE: CARABEL.
4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Ferro Ruibal, Xesús (Coord.): “Diccionario de Fraseoloxía Galega. Estado actual dos fondos e dos traballos”. Nas Actas do I Coloquio galego de Fraseoloxía (1997), páxs. 289-311. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
- Vidal Castiñeira, Ana: “Aproximación ó ‘mínimo paremiolóxico’ galego. Unha proposta didáctica”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 79-116. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

[Imaxe: GRUP DEFENSA DO TER - fonte: www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário