A edición
bilingüe abrangue dende Afonso X e os trobadores ata Lois Pereiro
Por XESÚS FRAGA
La
letteratura galega. Autori e testi é o título dunha antoloxía de que vén de publicar en Italia o selo
Carocci editore na súa serie Finisterrae, froito da colaboración de tres
universidades (Padua, Roma e Perugia) co apoio económico da Xunta. A escolma,
ao coidado de Gemma Álvarez Maneiro e Giovanni
Borriero, con prólogo de Xesús Alonso Montero, reúne as
biografías e unha selección de textos de cincuenta autores, dispostos en orde
cronolóxica, arrancando con Afonso X e os trobadores,
ata concluír con Lois Pereiro.
A súa lectura permite «coñecer dende os inicios até a
actualidade o galego a través das diversas perspectivas: histórica, social e
lingüística», explica Álvarez Maneiro.
As cincuenta figuras escolmadas foron no seu día homenaxeadas co Día
das Letras Galegas. «Adoptamos a listaxe como lenzo de soporte
dun retrato fiel e rigoroso da literatura, historia e sociolingüística da
lingua de noso», di Álvarez Maneiro, quen cre que a efeméride ofrece unha boa
guía a «figuras vitais». A antoloxía concede importancia ao
contexto e a mensaxe do autor e a familia lingüística
tamén se nota. «A proximidade das dúas linguas fillas do latín facilitou o
fluír da tradición. O feito de botarmos man da etimoloxía latina foi vital»,
aclara a profesora. Aínda así, foi necesario incluír un glosario: «Vocábulos
como aldea, cacique, dorna, ferrado, orballo ou saudade non aceptan tradución,
xa que de a facermos perderiamos calidade na tradución».
Esa proximidade ten a súa correlación na presenza dos estudos galegos en
Padua. «Partimos duns fortes piares -confirma Álvarez Maneiro-. Dado que o
interese dende Italia coas nosas letras parte da literatura medieval
galego-portuguesa e tendo en conta que Padua é berce europeo do estudo
medievalista o vencello está feito; certo é que esta calzada romana viuse
ampliada a figuras máis recentes pasando por todas as fases
histórico-literarias do galego. O curso de Lingua e Letteratura Galega, xunto
co Lettorato, abrangue todos os períodos literarios».
Un exemplo desa relación é Giovanni Borriero, quen coñeceu as letras
galegas a través da lírica medieval cando estudaba Románicas en Padua. Tralo
doutoramento asistiu aos cursos para estranxeiros en Santiago e foi ampliando a
súa relación co galego ata dirixir o Centri di Studi Galeghi de Padua. Entre os
seus ensaios figura a literatura medieval pero tamén figuras contemporáneas
como Celso Emilio.
Do proceso de tradución da antoloxía, Borriero destaca Gándara,
de Bouza Brey -«unha das poesías máis fermosas e complicadas de xirar ao
italiano»-, Lanza de Soledá, de Iglesia Alvariño e
mais «a forza expresiva de Novoneyra». Ao profesor italiano, alén da lírica
medieval -«que amo moito»-, interésanlle Blanco Amor, Risco -«o novelista, non
o ideólogo»- e Castelao. Este último é fío condutor da antoloxía. «É un autor
‘universal’, no momento que fala da humanidade e non só do ‘tipo’ galego. O
mesmo discurso é válido, na miña opinión, para A esmorga. O intento de
Castelao é situar o galego nunha dimensión europea (así tamén Carvalho Calero
na súa importantísima historia da literatura», sostén Borriero.
Precisamente a internacionalización do galego é un
asunto «crucial» para o especialista italiano no contexto
sociolingüístico da lingua e a preocupación polo descenso de falantes; «un
problema fondamente complexo», admite. «Penso que concienciación das orixes e
da lingua son construídas sobre todo a nivel político. Por voltas a impresión é
que prende forza o feito de que o galego fale demasiado do galego, é dicir, un
exercicio de autolimitación», reflexiona. De cara a fóra, Borriero cre que «o
primeiro traballo que cómpre levar a cabo é a edición de todos os ‘clásicos’.
De relevancia son tamén as traducións. En Italia existen contadas de Rosalía e
Castelao, practicamente nada de Pondal e Curros».
Porén, no contexto dunha Unión Europea apoiada máis en criterios económicos
que culturais, as linguas minorizadas deben mirar non só
para fóra, senón para si. «Deben protexer a identidade de seu,
non a través da lexitimación exterior, senón procurando nelas mesmas a propia
forza creadora, no estudo do pasado a razón de seren».
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
|
Isac Nunes da Luz Cordeiro *** Tradutor Público e Intérprete do Comércio *** Idiomas: francês, espanhol, catalão e galego *** Matriculado na Junta Comercial do Estado do Paraná *** Curitiba *** República Federativa do Brasil
quarta-feira, 8 de maio de 2019
Unha antoloxía leva ao italiano a obra de cincuenta autores galegos
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)

Sem comentários:
Enviar um comentário