quinta-feira, 23 de maio de 2019

“Choverá o que teña que chover”, música para que a rapazada coñeza a riqueza dos termos meteorolóxicos en galego

A Mesa estrea o videoclip realizado por Miguel Robledo a partir da canción O tempo meteorolóxico de Magín Blanco.
Un home tenta loitar contra os efectos da chuvia
Un home tenta loitar contra os efectos da chuvia
Mesa pola Normalización Lingüística estreou O tempo meteorolóxico, un fermoso videoclip realizado polo ilustrador Miguel Robledo a partir da canción de Magín Blanco para acompañar o libro ilustrado homónimo que axuda a cativada a identificar os fenómenos meteorolóxicos e o seu nome en galego.
Este título forma parte xunto con O abecedario, As aves e Os peixes e outra fauna mariña do proxecto didáctico que A Mesa adica á educación infantil, proporcionando materiais en galego para nenas e nenos de 0 a 6 anos co obxectivo de potenciar o uso de vocabulario na nosa lingua nesta etapa. 
O autor da canción é Magín Blanco (A Rúa, 1960), un dos máis coñecidos creadores de propostas musicais e escénicas para público familiar no panorama actual galego. Creador do universo que habitan A nena e o grilo e máis de Camiños, así como dalgunhas das composicións que forman parte de libro discos de referencia para a cativada do país como María Fumaça, Rosalía Pequeniña ou Canta o Cuco, Magín Blanco ponlle música e voz ás cancións que acompañan todos os títulos da colección que A Mesa adica á educación infantil, coas cancións O abecedario, Voa paxariño, Peixiños do mar e con este O tempo meteorolóxico que se estrea hoxe.
O autor do videoclip e ilustrador do volume é Miguel Robledo (Ourense, 1970), que como autor de cómic colaborou con La Voz de Galicia, Factoría K e El Jueves e como ilustrador editorial ten obras publicadas por Edicións Xerais, Mcgraw Hill USA, Santillana DuendeBux e Eurisaces Editora. 
O tempo meteorolóxico pódese mercar nas librarías do país e mais na web da Mesa por 7,20 € para persoas socias e 8’55 € para público xeral. Hai un anaco dispoñíbel para consulta aquí.


[Imaxe: Miguel Núñez - fonte: www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário