![]() |
| Mural de homenaxe a Isaac Díaz Pardo elaborado por Lula Goce en Sada |
En Cantalarrana, preto do instituto de secundaria e da avenida que leva o seu nome, a ollada de Díaz Pardo xa se ergue nun mural no que a autora tentou recrear unha imaxe icónica, pero tamén reflectir a "profundidade" de don Isaac, "a súa austeridade e unha proverbial humildade". Ducias de veciñas e veciños da vila contemplaron a evolución dun traballo artístico que, di o alcalde sadense, Benito Portela, pretende servir tamén como recoñecemento a Díaz Pardo, "ao seu exemplo, ao seu traballo" que "nos serven de guía cada día".
A obra de Lula Goce, que xa interveu en espazos urbanos de múltiples cidades e vilas por todo o mundo -dende Vigo a Carballo, de Nova York a Barcelona ou México-, inmortaliza o Díaz Pardo do ano 2007 e arrodéao das iconas e cores que tornaron en emblema de Cerámicas do Castro da súa propia man e mais da de Luís Seoane.
Alén do mural ao vivo e das fotografías que poidan tirarse del, o mural de Díaz Pardo en Sada terá tamén unha vertente audiovisual. A do time-lapse elaborado por Marcos Cenamor durante toda a semana na que se prolongou a elaboración do mural, que será difundido proximamente polo propio Concello.


Sem comentários:
Enviar um comentário