![]() |
| Núñez Feijóo e Cavaco Silva en 2015, na sinatura do acordo para a adopción do portugués como lingua estranxeira de opción |
Para que serve estudar portugués? A implantación da lingua portuguesa no sistema educativo galego avanza timidamente e no curso actual hai un total de 2.391 persoas que a estudan ben como primeira, ben como segunda lingua estranxeira na ESO e Bacharelato. Pero detrás desa cifra, que supón un incremento de 260 estudantes respecto ao curso anterior, agóchase a realidade de que tan só 59 rapaces e rapazas escolleron o portugués como primeira lingua, é dicir un 2,5%.
Estamos a falar do que podería ser unha cifra anecdótica, que realmente denota un estado de opinión da cidadanía e sobre todo unha falta de accións políticas reais para a promoción do ensino da lingua portuguesa.
Segundo os datos facilitados pola Consellería de Educación, a meirande parte do alumnado que ten portugués como primeira lingua estuda no IES A Sangriña, no concello pontevedrés fronteirizo da Guarda, onde si que ven a utilidade dunha formación oficial no idioma veciño. Un total de 33 alumnos priorizaron recibir máis horas de portugués en detrimento do inglés ou francés neste centro. Tamén no Politénico de Vigo matricularon 17 persoas con portugués como primeira lingua este ano. Completan esta breve listaxe o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño (5 alumnos) e o IES de Melide (4).
Cómpre destacar, tal e como amosa inferior, o Instituto IES San Clemente de Santiago, onde un total de 143 estudantes elixiron portugués como segunda lingua estranxeira, seguido do IES do Barral en Ponteareas (137) e o Dionisio Gamallo de Ribadeo (134). Sen dúbida son cifras positivas, aínda que ningún alumno elixise a lingua lusa como preferente.
Cinco anos da Lei Paz Andrade
En Galicia existe unha lei en vigor desde 2014, coñecida como Lei Paz Andrade "para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía" que na súa exposición de motivos di cousas como que o portugués é idioma de traballo de vinte organizacións internacionais, incluída a Unión Europea, así como lingua oficial de nove países e do territorio de Macau, na China. Entre eles figuran potencias económicas como o Brasil e outras economías emerxentes. É a lingua máis falada no conxunto do Hemisferio Sur. É preciso fomentar o ensino e a aprendizaxe do portugués, co obxectivo, entre outros, de que empresas e institucións aproveiten a nosa vantaxe lingüística...
Esa vantaxe lingüística é evidente, tal e como sinalaba nunha recente entrevista a Praza.gal a Coordinadora do Ensino do Portugués en España, Filipa Soares. Porén, a pesar de que a Xunta asegura “que podemos constatar un bo estado da implantación da Lei Valentín Paz-Andrade no ensino”, os avances son poucos e as cifras seguen a ser pobres para unha comunidade fronteiriza con Portugal sobre todo se nos comparamos con outros veciños como é o caso de Estremadura, onde hai 20.000 alumnos de secundaria ou Bacharelato estudando portugués.
[Imaxe: Conchi Paz - fonte: praza.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário