terça-feira, 16 de abril de 2019

Bibi Andersson, o rostro do drama nórdico


A actriz colaborou con Ingmar Bergman en filmes decisivos e intensos como «O sétimo selo», «Persoa» ou «Fresas salvaxes», fitos nunha longa carreira como intérprete
 
Bibi Andersson, en «Persoa», un dos traballos con Ingmar Bergman

Por X. FRAGA
A actriz Bibi Andersson foi un dos rostros que encarnaron as historias dramáticas soñadas por Ingmar Bergman e plasmadas en fotogramas. As súas faccións amables expresaron como poucas o sentido existencial e tráxico co que o director fixou o seu nome na historia do cine: O sétimo seloPersoa e Fresas salvaxes destacan como fitos na súa frutífera colaboración, que deixou ademais outros títulos como PaixónNo limiar da vida ou O rostro. Andersson, como tamén fixeron Max von Sydow ou Liv Ullman, asumiu os trazos dos personaxes e os seus dilemas, medos e dramas ocultos.
O nome de Andersson, falecida este domingo aos 83 anos -naceu en Estocolmo en 1935-, permanecerá sempre ligado ao de Bergman. A súa primeira colaboración non puido ser máis prosaica: aos 15 anos, a actriz traballou nun anuncio de deterxente. Eran anos adolescentes nos que a moza suplementaba os seus estudos de arte dramática con participacións pequenas e alimenticias como extra en diversas rodaxes. Xa participara cun pequeno papel en Sorrisos dunha noite de verán cando chegou o ano decisivo, 1957, no que habería de rodar dous clásicos, O sétimo selo e Fresas salvaxes. Na primeira interpretou a Mia, a muller dun actor, como unha peza máis no taboleiro da partida de xadrez que interpretan un cabaleiro medieval e a morte, mentres que na segunda o seu papel era dobre: por unha banda, encarnaba ao amor de mocidade dun vello profesor e, por outro, a unha muller que lle recordaba aquel namoramento do seu pasado.




Pero talvez o seu papel máis importante con Bergman foi o de Persoa. O cineasta escribiu os personaxes protagonistas con Andersson e Liv Ullman en mente: a primeira daba vida a unha enfermeira que debía atender á segunda, unha actriz que ha enmudecido. Claustrofóbica, intensa, experimental, Persoa explorou temas como a dualidade e a identidade, a fraxilidade psicolóxica e, especialmente, a sexualidade feminina e cuestións como a maternidade. Estreouse en 1966, un ano convulso, e resoou polos seus retos cinematográficos e existenciais, converténdose nunha influencia maior.

Con todo, Andersson foi moito máis que as súas colaboracións ou o seu papel de musa para Bergman. Xa en 1963 gañara o Oso de Prata do Festival de Berlín, aínda que é certo que Presenta outorgoulle un perfil máis internacional, chegando a participar en proxectos en principio tan afastados das súas experiencias anteriores como un wéstern. Máis conformes á súa traxectoria foron os seus traballos para John Huston ou Robert Allman.

En 1973 volvería colaborar con Bergman, esta vez para televisión, con sériea Escenas dun matrimonio. Tampouco abandonou as táboas do teatro e tomou parte de proxectos persoais de cine europeo, como un pequeno papel no festín de Babett, e tamén estivo presente nunha estación de paso, o debut de Gracia Querejeta, en 1992.





[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário