O pianista belga presenta esta tarde o seu último traballo discográfico, titulado «That Which is Not»
Por FERNANDO MOLEZÚN
É un caso estraño o de Wim Mertens, un compositor que transitou polos terreos máis complexos e menos comerciais da música contemporánea e, a pesar diso, gozou dun singular éxito e aceptación popular. Incluso algún tema seu, como Maximizing the Audience, converteuse a través de distintas remesturas en todo un himno das discotecas dedicadas ao tecno a finais dos oitenta e principios dos noventa. E é que Mertens ten un don, sabe que parte do cerebro debe tocar para que a súa música resulte dalgún xeito irresistible.
O caso é que este revolucionario que iniciou a súa carreira cun máis que singular disco titulado For Amusement Only no que só había sintonías electrónicas para máquinas recreativas, está vivindo un momento especialmente doce no terreo creativo e vén demostralo ao Teatro Colón.
Aí presentará o seu último disco, That Which is Not, que unido aos seus máis recentes álbums -como Dust of truths, What are we, locks, to do? e Charaktersketch, reeditados conxuntamente baixo o título de Cran aux oeufs- confirman un particular estado de graza a nivel compositivo e interpretativo.
Fiel ás súas estruturas repetitivas, levou a música minimalista ata terreos insospeitados grazas a unha especial sensibilidade melódica que impregna todas as súas composicións, ao que hai que engadir o seu inconfundible timbre de voz, un falsete que parece xurdir do propio piano e que creba as normas da música contemporánea.
[Imaxe: XOÁN CARLOS GIL - www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário