![]() |
Nas nosas sociedades a maior parte da xente nin ata nin desata
|
Por HENRIQUE HARGUINDEY
Ás veces, para negar dous elementos, atopamos frases negativas construídas cun primeiro adverbio non e un segundo nin (por exemplo: Hoxe non almorcei nin xantei) aínda que tamén podemos —e é máis frecuente— construír a frase con nin nos dous casos (Hoxe nin almorcei nin xantei). As dúas teñen practicamente o mesmo significado.
De todos os xeitos, coa mesma construción …nin…nin… podemos atopar maiormente tres empregos diferenciados:
1.- Negar exclusivamente as dúas posibilidades, simplemente os dous extremos, como en:
Nin almorcei nin xantei,
Nin chamou nin escribiu
Nin veu en tren nin en avión
É dicir, non foi nin unha cousa nin a outra
2.- Negar as dúas posibilidades, os dous extremos, abrindo unha terceira vía, un “territorio do medio” que si se aceptaría:
Non collas nin tanto nin tan pouco
Suxeriríase unha posibilidade intermedia
A construción aparece abundantemente con este uso en frases feitas e locucións xa citadas ou novas, como:
Nin tanto “Arre!” que fuxa nin tanto “Xo! que pare
Nin tanto ao mar nin tanto á terra
Nin dous nin douscentos
Nin moito aló nin moito acó
Nin tanto ao mar nin tanto á terra
Nin dous nin douscentos
Nin moito aló nin moito acó
3.- Negar as dúas posibilidades, os dous extremos, e máis a totalidade do que se pode incluír no que eles representan:
El nese asunto nin ata nin desata
Neste caso, para ben entendermos o sentido, poderiamos utilizar un verbo que englobe os dous significados, acompañado do adverbio de cantidade nada (ou nadiña, que aínda é máis expresivo e intensivo). No exemplo proposto viría sendo El nese asunto non decide nadiña/non manda nadiña.
Naturalmente, esta terceira posibilidade, este sentido absoluto, débese desprender do contexto da utilización da frase, e o normal é que o teñan unha serie de locucións como nin pouco nin moito, nin arre nin xo ou nin pía nin toa. Por exemplo:
Non comeu nin pouco nin moito (= non comeu nadiña)
Eu chamaba, e el nin “Arre!” nin “Xo!” (=non se movía en absoluto)
Ti vela? Nin pía nin toa. (=non reacciona nada)
Eu chamaba, e el nin “Arre!” nin “Xo!” (=non se movía en absoluto)
Ti vela? Nin pía nin toa. (=non reacciona nada)
Esta última expresión (nin pía nin toa) que hoxe citamos utiliza os verbos piar e toar como sinónimos de ‘non emitir ningún son, non dar sinais de vida’ e de aí pasa a ‘permanecer silencioso e inmóbil, non facer caso ningún’. Unha variante da locución, co mesmo significado, é nin toa nin zoa.
E lembremos para remate (aínda que neste caso o nin…nin… está incorporado á palabra) un expresivo modismo galego: ser un ninguén que vai para ningures. A frase viría equivalendo ao español ser un don nadie ou non pintar nada.
Despidámonos, xa, cun fermoso arrolo tradicional:
Non te troco, meu meniño,
non te troco, meu amor,
nin pola prata da lúa
nin polo ouro do sol!
non te troco, meu amor,
nin pola prata da lúa
nin polo ouro do sol!
Por nadiña!
[Fonte: www.sermosgaliza.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário