O proxecto The Watercolour World aglutina miles de pinturas anteriores á fotografía. Galicia aparece en nove obras; dous elas plasman a ría de Vigo
Vigo, ao redor de 1880. // National Maritime Museum
Por Patricia Pedrido
Gravados e pinturas plasmaban o mundo antes da irrupción da fotografía no século XIX. Hoxe en día os selfis e vídeos parecen enterrar nos arquivos as paisaxes anteriores ao invento de Niépce e Daguerre.
Para recuperar como eran distintos puntos do noso planeta cando os retratos tan só facíanse con lapis e pincel nace The Watercolour World, unha web lanzada hai unhas semanas e que xa aglutina miles de acuarelas. O seu obxectivo é crear unha ampla base de datos con obras pintadas antes de 1900, co fin de documentar como eran cidades e paisaxes antes das cámaras fotográficas.
"Toda imaxe conta unha historia e cada historia é un fragmento da Historia que non nos podemos permitir perder", sinala a páxina na súa presentación.
A web permite a procura xeográfica e temática. Seguindo o criterio local presenta un mapamundi con miles de indicadores dispersos polo catro puntos cardinais. En Galicia aparecen nove acuarelas, dúas na ría de Vigo.
Unha delas retrata unha vista da cidade olívica desde o mar, coa muralla do castelo de San Sebastián en primeiro termo e ao fondo, sobre o promontorio, o do Castro. Ambas as fortalezas custodian o incipiente barrio do Berbés, alá por 1880. A autora da acuarela, Mrs Mildmay, retrata tamén a actividade pesqueira da pequena vila con embarcacións faenando.
"Fishing boats", de William Lionel Wyllie. // National Maritime Museum
|
A outra acuarela podería constituír o primeiro retrato das Illas Cíes. Trasládanos unha xornada de pesca con decenas de barcos recollendo as súas redes co arquipélago como testemuña. Aínda que non se coñece o ano da obra, si o seu autor, William Lionel Wyllie, que titulou a estampa "Fishing Boats" (barcos de pesca).
Os outros sete puntos, a maioría co mar como protagonista, son os cabos Fisterra e Vilán na Costa de Morte; a ría de Ferrol; e o Atlántico Norte sobre o Faro de Ortegal. As dúas estampas restantes lévannos ata a Guerra da Independencia na Coruña cun retrato dun soldado de cabalería francés e a morte do xeneral John Moore.
[Fonte: www.farodevigo.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário