Galicia, la calumniada é un libro de 1923. Un itinerario sentimental e artístico. Un libro de eloxios mais non de lisonxa.
Por XOÁN COSTA
O autor é Constantino Suárez Fernández, nado en Avilés en 1890 e morto en Madrid en 1941 e que asinaba co pseudónimo de “Españolito” polo menos desde 1913 en que no xornal Diario Español de La Habana deu réplica a unha carta que censuraba a política española na Cuba independente e que asinaba "Cubanito".
Constantino Suárez estivera en Galiza en outubro de 1922 para intervir como actor na gravación que Celta Film estaba a facer sobre a orixe galega de Colón. O filme, titulado Colón fillo de Galiza, contou tamén coa participación do director de Vida Gallega, que é quen nos informa de que Suárez está a tomar datos para un libro que pensa titular Galicia calumniada.
Comeza a viaxe por Galiza en Mondoñedo, cidade chea de limpeza e soedade, con tellados vestidos de loito que lembran as cidades bálticas. Fantástica é a descrición da cova do rei Cintolo como un palacio "encarnación dun soño febril" que é a un tempo xardín cuberto de luces, de cores e de sombras.
De Mondoñedo a Lugo. Na paisaxe admira a peculiar forma de cercar as fincas. "Todas as cercas son de lousa chantada na terra, formando sutilísimos paredóns. É como un encerado onde os rapaces trazan liñas ao chou". E volta cara a Viveiro pasando, e parando, en Vilalba. Afonda o autor na descrición de pequenas escenas agrícolas, a xente como paisaxe .
A Viveiro non lle acae o título de cidade porque esa palabra "parece que agocha a idea de senectude" e non este lugar de "ensoño para vivir un eterno idilio". Celeiro, "niño da xente do mar", e os cargadeiros de ferro das minas de Silvarosa; O Vicedo e O Barqueiro, que parece unha cidade de liliputenses, son a seguinte etapa.
A presenza case constante do océano, o incremento da tella en substitución da lousa, dan paso a Ortigueira, a primeira calumniada.
De Ortigueira tiña o viaxeiro unha idea desfavorábel pois así se falaba dela en América. Todo desprezo. Abonde dicir que en América, cando se quere cualificar un galego de torpe, rústico e incivil, dise que é de "Ortigeira" suprimindo a Ortigueira o u.
Naturalmente o autor inverte a situación e, aínda con palabras insuficientes para describir tanta beleza, vaino intentar.
Imaxine o lector que descoñeza esta vila un grande brazo de mar con apacibilidade de lago que penetra por angosta, longa e retorta boca, entre pinas montañas que a esconden completamente. Déalle a este anchuroso lago, de ton azul mariño, aparentemente circular, os contornos máis caprichosos nun audaz esforzo da imaxinación, rodeados de montañas, abruptas e grisallas unhas, e as outras, de abas que baixan suavemente ao mar, matizadas co múltiple colorido dunha rica vexetación. Neste pano de fondo coloquemos a maior variedade de rúas: planas, pinas, anchas, estreitas, rectas, curvas, con árbores e sen elas. Poñamos algunhas industrias en pequeno, varios centros docentes, recreativos, artísticos ... esta é a calumniada Ortigueira.
E aquí ficamos por hoxe, na primeira calumnia.
[Fonte: www.sermosgaliza.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário