En
Lingüística denomínase “falso amigo” á palabra dunha lingua que é igual
ou parecida a outra doutro idioma, quer na pronuncia, quer na escrita,
pro cuxos significados son diferentes.
Por L. C. Carballal
A
maioría das veces ese parecido provén de teren ámbalas palabras unha
mesma orixe etimolóxica, mais a evolución en cadanseu idioma fixo que
derivasen en significados distintos: gl. carreira e oc. carrièra (rúa),
gl. carreiro e ct. carrer (rúa), gl. débil e fr. débile (insensato), gl.
doente e ct./oc. dolent (mao), gl. dona e ct. dona (muller), gl. femia e
fr. femme/oc. femna (muller), gl. gustar/gostar e it. gustare (probar),
gl. hostal e oc. ostal (casa), gl. lume e ct. llum/oc. lum (luz), gl.
milagre e ct. mirall/ar. mirallo (espello), gl. montar e fr. monter
(subir), gl. poxar e ct. pujar (subir), gl. raro e fr. rare (escaso),
gl. saír e fr. salir (lixar) e it. salire (subir) etc.
Noutras ocasións, as menos, trátase simplemente dunha mera coincidencia fonética ou gráfica entre as dúas linguas empregadas, por exemplo (palabra foránea – tradución galega pro palabra similar galega – tradución foránea): año (castelán) – ano (galego) pro año (gl.) – cordero (es.), burro (italiano) – manteiga (gl.) pro burro (gl.) – asino (it.), cama (catalán) – perna (gl.) pro cama (gl.) – llit (ct.), lupa (it.) – loba (gl.) pro lupa (gl.) – lente d’ingrandimento (it.), manche (francés) – manga (gl.) pro mancha (gl.) – tache/souillure (fr.), montone (it.) – carneiro (gl.) pro montón (gl.) – mucchio (it.), niño (es.) – neno (gl.) pro niño (gl.) – nido (es.), pau (ct.) – paz (gl.) pro pau (gl.) – pal (ct.), sable (fr.) – area (gl.) pro sabre (gl.) – sabre (fr.) –nótese o gl. xabre = area grosa–, subir (fr. e it.) – sofrer/soportar (gl.) pro subir (gl.) – monter (fr.) e salire (it.), tor (alemán) – porta (grande) (gl.) pro torre (gl.) – turm (al.) etc.
Son ben coñecidos os falsos amigos que a lingua inglesa leva consigo prós falantes de linguas romances, pois aínda que tamén proceden do latín teñen significados diferentes ós da maioría destes idiomas, así: abstract (resumo) diferente de abstracto, actual (real, verdadeiro) diferente de actual, american (estadounidense) diferente de americano –pra este concepto úsase a expresión: person from the Americas–, apology (desculpa) diferente de apoloxía, arm (brazo) diferente de arma, cult (seita) diferente de culto pro sect (culto) diferente de seita, exit (saída) diferente de éxito –para este concepto úsase “sucess” coma no portugués: sucesso–, genial (amábel) diferente de xenial, large (grande) diferente de largo, library (biblioteca) diferente de libraría, mark (mancha, pegada) diferente de marca, misery (sofremento, pena) diferente de miseria, morose (xardesco, taciturno) diferente de moroso, sensible (asisado) diferente de sensíbel etc.
E por lóxica son abundantes os falsos amigos que hai entre os idiomas dun mesmo grupo lingüístico, no noso caso o das linguas romances, na maioría dos casos por unha evolución diverxente do significado dende o étimo latino, nunha ou en ámbalas linguas comparadas. Por tanto, é unha mera cuestión de aprendizaxe do correcto significado destas palabras tan semellantes ás nosas cando as lemos ou escoitamos. O problema particular do noso idioma é cando os falsos amigos do castelán pasan ao galego, converténdose en castelanismos semánticos, que ben usurpan os significados orixinais, ben engaden innecesarios sinónimos. Esta perversión tamén incide no galego literario, supostamente moitísimo máis coidado có oral, segundo comprobo decontino nas miñas lecturas. Velaquí algúns exemplos:
O castelán “arroyo” comparte orixe co galego “arroio” pro os seus significados, aínda que próximos, non son iguais: a forma castelá é “un regueiro ou regato con auga case continua”, mentres que a galega é “un regato non permanente formado polas chuvias”, mais a forma galega aparece moitas veces co significado castelán, é dicir, como sinónimo de “regato” ou “regueiro”.
A “caña” castelá desprazou na práctica o coloquialismo galego de igual forma pro de significado diferente: a palabra galega designa “a augardente” mentres que a castelá denomina “un vaso (cónico, alto e estreito) de cervexa”. Por isto quen pedía antano unha caña nun bar, pedía “un vaso de augardente” pro hoxe pide “un vaso de cervexa”.
Galego e castelán comparten o substantivo “grado”, do latín “gratus”, cos significados de “vontade ou gusto” segundo o contexto, mais o castelán tamén ten outro “grado”, do latín “gradus”, pra indicar “nivel ou rango”, onde o galego ten a palabra “grao” prós mesmos significados. A semellanza do castelán fai que moitos falantes usen o “grado” castelán onde deberían empregar o “grao” galego.
O verbo “pinchar” ten nidios significados diferentes en galego e castelán. En galego ten tres significados: abater unha árbore polo pé, saltar por riba de algo, e dar saltos; mentres que a forma castelá tradúcese ao galego por “picar”. Con todo, o significado castelán cóase no galego producindo un falso sinónimo de “picar”.
O coloquialismo castelán “polvo”, como sinónimo de “coito”, falso amigo absoluto do noso “polbo”, avanza impoñéndose sobor dos coloquialismos galegos de igual significado: “foguete, canivete, ferrete ou guichada”. E ese significado sexual seica ten moito que ver coa substitución de “polbo” polo castelanismo “pulpo”.
Hai un “rato” castelán que non é “roedor, peixe nin dispositivo dunha computadora”, únicos significados galegos desta palabra, mais comeza a ser frecuente no noso idioma desprazando as verbas autóctonas de igual significado: “anaco, bocado, cacho ou pedazo”.
A nosa lingua distingue claramente entre os substantivos: “roca” e “rocha”, mais o primeiro coincide coa tradución castelá do segundo: “roca”, e usa “rueca” pra denominar o primeiro. A introdución da forma castelá no noso idioma –tamén admitida, aínda que preterida, polo dicionario RAG– rompe a distinción tradicional por mera copia do castelán.
[Fonte: www.praza.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário