segunda-feira, 1 de outubro de 2018

A tradución terá tamén os seus premios... serán os Xela Arias

Este galardón serve para celebrar o Día Internacional da Tradución e premiar a empresas, entidades ou persoas que destaquen pola promoción da tradución ou interpretación cara ou desde o galego.

A poeta e tradutora Xela Arias
A poeta e tradutora Xela Arias

Xela Arias foi unha poeta, tradutora en varias linguas e profesora galega, ligada a Edicións Xerais e moi coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. E esa longo traballo a prol da literatura e da tradución é recoñecido, agora, pola AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación) co premio Xela Arias
“O premio ten carácter simbólico e ten tamén o obxectivo de dar a coñecer o nome de Xela Arias, por ser unha figura destacada da tradución ao galego”, sinala esta entidade. Xela Arias foi a responsábel das versións na nosa lingua de obras de James Joyce, Gianni Rodari, Jorge Amado ou Roald Dahl, entre moitas outras. 
Por iso, este galardón serve para celebrar o Día Internacional da Tradución, o 30 de setembro. Con el preténdese  premiar a empresas, entidades ou persoas que destaquen pola promoción da tradución ou interpretación cara ou desde o galego. “O seu obxectivo é dar a coñecer a profesión e pór en valor o galego como lingua de traballo”, apunta esta entidade.
As candidaturas poderán enviarse á asociación polo correo electrónico info@agpti.org até o día 18 de outubro, e o fallo será público o día 30 deste mes. Calquera persoa pode propor unha empresa, entidade ou persoa candidata por este medio.  O xurado estará conformado pola Xunta Directiva da AGPTI, aínda que a asociación pode convidar outras persoas ou entidades a formaren parte. 
AGPTI é unha asociación fundada en 2001 co obxectivo de crear unha plataforma de comunicación entre os profesionais para a defensa do colectivo de traballadores e traballadoras da tradución e da interpretación, ademais da difusión da lingua galega como lingua de traballo neste sector.


[Imaxe: Cadernos da Crítica - fonte: www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário