segunda-feira, 24 de setembro de 2018

“Non ser palla (para o palleiro)”, unha das expresións galegas equivalentes á castelá “no ser moco de pavo”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".
Alpacas de palla
Alpacas de palla
Por Xosé Antonio Pena

No ser moco de pavo
No ser grano de anís
{= Ter unha cousa a súa importancia, transcendencia ou valor (ou máis importancia, transcendencia ou valor dos que se lle están a dar), ou ter a súa complicación e mérito conseguir levala a cabo.}
Non ser palla (para o palleiro)
Non ser palla nin herba seca
Non ser da moca
Non ser flores
E inda:
Non ser peixe podre
Ex.: ¡Pero es que sacar una nota media de sobresaliente no es moco de pavo, amigo!
¡Pero é que sacar unha nota media de sobresaliente non é palla  non é palla para o palleiro non é palla nin herba seca  non é da moca  non son flores  non é peixe podre, meu home!
● Tamén, en moitos contextos:
No ser una broma
Non ser brincadeira && Non ser unha broma && Non ser cousa de rir
Ex.: ¡Pero é que sacar unha nota media de sobresaliente non é brincadeira  non é unha broma non é cousa de rir, meu home!
● Tamén, en ámbitos de uso máis familiares e coloquiais, e mesmo nun rexistro vulgar, facendo fundamentalmente referencia a que se trata de cousas que non son doadas de levar a cabo:
Non ser cagallóns que se encamban # que se envolven
● Tamén, mais desta volta con expresións que presentan enunciación positiva e que resulta habitual que se emitan acompañadas dalgún pronome de solidariedade:
Querer un conto && Ser moito conto && Querer un conto calado && Ser un conto calado
Ex.: ¡Pero é que sacar unha nota media de sobresaliente quéreche un conto (calado)  éche moito conto  éche un conto calado, meu home!
Ex. 2: Correr todo ese trecho en menos de cinco minutos no es moco de pavo, ¡eh!
Correr todo ese treito en menos de cinco minutos non é palla (para o palleiro)  non é palla nin herba seca  non é da moca  non son flores  non é brincadeira  quéreche un conto (calado)  éche moito conto, ¡eh!
NOTAS:
1. O “moco de pavo” é o apéndice carnoso que ten o pavo pola parte superior do peteiro e que, cando non está eréctil, lle adoita colgar por baixo deste debido á súa lonxitude (podendo lembrar, deste xeito, os mocos que colgan do nariz).
Parece ser que a expresión castelá ten a súa orixe nos séculos XVI e XVII, nos cales era común que moitos cabaleiros usaran reloxos de peto, suxeitos coa correspondente cadeíña: pois ben, cando os ladróns roubaban estes reloxos era habitual que no peto da vítima quedase colgando a dita cadea, que non tiña practicamente valor ningún e á cal se lle chamaba, na xerga dos cacos, “moco”, mentres que o reloxo (e tamén a vítima), que era o elemento valioso, recibía o nome de “pavo”. Daquela, e en definitiva, o “moco de pavo” era algo que non tiña valor (e, por conseguinte, se algo non era moco de pavo, si que o tiña).
2. A voz “moca” (que forma parte da paremia non ser da moca) pronúnciase con “o” aberto.
3. Realizamos seguidamente un pequeno repaso léxico a voces ou locucións que poden resultar descoñecidas ou dubidosas para algúns lectores (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):
Herba secalocución substantiva feminina. Herba segada que se deixa secar ó sol para servir logo de alimento para o gando. Ben me lembro do baldados que chegabamos pola noite cando de cativos iamos á herba secaSinón.feo.
Moca1 (DRAG): substantivo feminino 1. Pau rematado nunha parte avultada nun dos extremos. Ía andando apoiado nunha moca. Sinóns.baloco, cachaporra, xardolo. 2. Este extremo avultado. O fuso da roca tiña unha moquiña na punta. 3. Pau que serve de mango no mallo. Collían o mallo pola moca e veña a mallar no centeo. ▲ Forma normativamente menos recomendablemonca. [ANÍBAL OTERO, QUE É QUEN REXISTRA A FRASE NON SER DA MOCA, PONA EN RELACIÓN COA VOZ CORRESPONDENTE A ESTA ENTRADA MOCA1. NON OBSTANTE, POLO SENTIDO, TAMÉN SE PODERÍA PENSAR NA POSIBILIDADE DE QUE TEÑA RELACIÓN COA ENTRADA MOCA3.]
Moca2 (DRAG): substantivo feminino 1. Variedade de café orixinaria de Moka (Arabia). Sírveme unha cunca de moca. 2. Crema feita con café, manteiga e vainilla, que se utiliza en pastelaría. Unha torta de moca.
Moca3 (DRAG): substantivo feminino. Palabra ou conxunto de palabras, xestos ou accións cos que se ridiculiza unha persoa ou cousa. Non fagades moca dese pobre miserable. Sinóns.burla, chacota.
Brincadeira (DRAG): substantivo feminino. Brinca [=Diversión, broma, pasatempo, leria]. Déixate de brincadeiras e fálame de cousas serias. Andar de brincadeira.
Cagallón (DRAG): substantivo masculino 1. Excremento dalgúns animais, como o cabalo, o burro, etc. Non entredes no cortello, que vos ides enzoufar de cagallónsSinón.cagalleira. 2.familiar. Excremento humano máis ben duro. Vaia cagallón tiña o neno no cueiro!
4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Revista Verba, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario castelán-galego. Ano 2004. Directores: Constantino García, Manuel González González.
- Veiga Díaz, Maite: “Pequena contribución á fraseoloxía galega”. Cadernos de Lingua, 14, 1996, páxs. 85-100.

[Fonte: www.galiciaconfidencial.com]


Sem comentários:

Enviar um comentário