Adeus a unha das figuras máis relevantes da arte portugués desde a segunda metade do século XX
Por VÍTOR MEJUTO
As cousas máis valiosas da arte son aquelas para as que non temos explicación algunha. Non sabemos por que nos gustan. A obra de Helena Almeida escapa a toda etiqueta e chéganos dentro sen que nos deamos conta e non dunha forma súbita, é máis ben como unha choiva fina. Pode tardar anos, pero unha vez que se instala apraciblemente no noso imaxinario, xa sempre nos pertence. Agora que nos deixou, o baleiro é enorme e a súa presenza, que non era ruidosa en vida, é clara e limpa.
En Galicia puidemos gozar da súa obra no CGAC no ano 2000, sendo Miguel Fernández-Cid o seu director, e, despois, na coruñesa galería Ana Vilaseco no 2013. Na súa obra están presentes a maior parte das inquietudes e os soportes contemporáneos: o debuxo, a pintura, a fotografía, o concepto e a performance. Pero o aglutinante fundamental é o misterio.
Todo empeza e acaba no estudo, que contén o magma do que se nutre todo o corpus da súa obra. Primeiro o debuxo e a reflexión; daquela o proceso ou a acción, e a comprensión do espazo; máis tarde prodúcese unha fotografía en branco e negro, tomada fielmente polo seu marido, Artur Rosa, que non é nin extremadamente pulcra nin deliberadamente desmañada; finalmente sobre o cálido gran fotográfico, e só ás veces, aplícase a pintura, case sempre un ton moi próximo ao añil.
Cando a obra chega a nós é sinxelamente Helena no seu estudo. Ou paseando sobre un lousado de pedra tenuemente mollado pola choiva. É ela pero coma se dun material máis se tratase. Non nos fala de si mesma. Non hai autorretrato, nin retórica. Non utiliza o seu corpo dunha forma panfletaria. Ela mesma explícao no título da súa recente exposición do 2015 no Museo Serralves do Porto: «A minha obra é ou meu corpo, ou meu corpo é a minha obra». Nada máis.
Hai dúas semanas inauguraba unha exposición -a última exposición- na galería madrileña Helga de Alvear titulada Dentro de mim. Na primeira sala había obra recente, de leste mesmo ano. Isto fálanos de unha artista en activo, comprometida co seu traballo ata o final. Ao fondo, unha obra monumental e fóra de escala na que aparecía en pé, de corpo enteiro, hierática como un escriba. Desde a esquerda, saía a man dun home. Tapaba a súa cara.
[Imaxe: ÁLVARO BALLESTEROS - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:
Enviar um comentário