sexta-feira, 29 de junho de 2018

O Guggenheim percorre dúas décadas de traxectoria da artista portuguesa Joana Vasconcelos

A mostra pode visitarse desde mañá ata o 11 de novembro  



Por MONTSE GARCÍA
As contradicións da sociedade actual quedan reflectidas en trinta obras da artista portuguesa Joana Vasconcelos que a partir de mañá poden verse no Museo Guggenheim de Bilbao. Pezas que permiten tamén percorrer máis de dúas décadas de traxectoria da creadora, con traballos desde o ano 1997 á actualidade, con tres deles realizados especificamente para esta mostra. Trátase dun universo no que identidade e feminismo son unha constante, do mesmo xeito que os obxectos cotiáns, que acaba converténdoos en obras de arte. Tampones que conforman unha gran lámpada a modo de vestido de noiva, potas transformadas nun xigantescos zapatos de tacón ou ferros que agora son flor de loto. 

"É unha feminista feminina", destacou Petra Joos, comisaria da mostra xunto a Enrique Juncosa. Pero unha obras nas que tamén hai dualidade: o local e o universal, a artesanía e a alta tecnoloxía. Todo iso fusiona Joana Vasconcelos, que quere transformar a visita en toda unha experiencia. "O sentir é a parte máis importante da exposición", destacou a artista esta mañá durante a presentación do proxecto en Bilbao. Asegurou que á hora de crear o primeiro é a idea e, despois, ponse a construír.  

A mostra xa recibe ao visitante con obras espectaculares na propia entrada do museo. Egeria expándese no atrio do Guggenheim como metáfora da ocupación dos museos por parte das mulleres. Un traballo de vinte artesáns durante dous anos para ganchillar cada un dos tentáculos que ocupan o museo. Pero xa no exterior a obra de Vasconcelos, a primeira muller portuguesa que expón no Guggenheim, impresiona. Un anel formado por lamias de coches de luxo e un diamante con vasos de whisky.   

A exposición, que conta co patrocinio de Seguros Bilbao, poderá verse posteriormente na Fundación Serralves en Portugal e no Museo Kunsthal de Róterdan.



[Imaxe: Luis Tecido/EFE - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário