Desde
o reintegracionismo e desde correntes que adiren a norma oficial mais
son partidarias do achegamento ao portugués xorde a iniciativa de
fomentar o convívio entre as dúas opcións ortográficas para así garantir a supervivencia do idioma
Por LAURA R. CUBA
“O
binormativismo nace para aproveitar as diferentes posturas que existen
en relación á codificación do galego, sexa a falante partidaria da
normalización ou non”. Así fala Eduardo Maragoto,
actual presidente da Associaçom Galega da Língua que, no pasado 5 de
abril, impartía un seminario na facultade de Filoloxía da UDC canda o
profesor titular de Lingua e Literatura Galega Xosé Ramón Freixeiro Mato.
O
tema da xornada era o binormativismo, un concepto que apoia a
convivencia entre dúas normas ortográficas dunha mesma lingua. “Este
tipo de modelo é moi frecuente no mundo, normalmente coexiste unha norma
máis próxima á fala local e outra máis converxente coa variedade falada
nun ou en varios Estados distintos”, explica Maragoto. É familiar o
caso de Luxemburgo, onde desde 1986 partilla espazo lingüístico o alemán
padrón coa variedade luxemburguesa, ou de Noruega, cuxos habitantes
poden usar libremente unha variante máis próxima ao dinamarqués ou outra
elaborada a partir dos dialectos occidentais noruegueses.
O pragmatismo e a normalización
No
caso da Galiza, trataríase de procurar a coexistencia e colaboración
entre o galego internacional –ou portugués padrón– e o galego oficial
actual, para que as falantes poidan tirar uso de cada norma segundo sexa
a súa conveniencia. “Ao contrario que outros casos, as utentes de ambas
normas gozan de intercomprensión plena. Falen unha variedade ou outra,
enténdense perfectamente”, apunta Maragoto.
Afóndase, por tanto, o camiño xa aberto pola lei Valentín Paz Andrade –lei
1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa
lusofonía– que fomenta a aprendizaxe e uso desta “vantaxe histórica”.
Segundo Xosé Ramón Freixeiro Mato,
profesor de Filoloxía na UDC, virtudes de devandito modelo serían
moitas. “En primeiro lugar enriqueceriamos o galego co coñecemento
xeneralizado da norma portuguesa, evitando as interferencias do español e
reforzando léxico e estruturas lingüísticas en ambos sentidos”, conta.
Por
outra banda, aquelas persoas “desvinculadas do galego” ou mesmo
“reticentes á normalización lingüística” poderían ver as vantaxes de
estudar portugués “e ter aí unha competencia lingüística de promoción;
se non se forza nada, sería vista mesmo como unha oportunidade persoal e
laboral“, sostén Freixeiro Mato.
Interpelar a opinión pública para acadar consenso
Para
acadar unha implantación real deste binormativismo, ambos filólogos
concordan en que é preciso afianzar dous principios. “Por un lado todos
os cidadáns deberían adquirir un coñecemento pasivo de ambas normativas
e, por outra banda, debería haber liberdade individual para que cada
persoa use a que máis lle convén ou coa que máis se identifique”,
detalla Maragoto. Á hora de adquirir competencias en ambas variantes, é
preciso un compromiso por parte das Administracións para garantir os
dereitos lingüísticos das utentes.
“Na
Noruega, por exemplo, a nivel técnico resólveno deixando que concellos e
outras entidades públicas escollan a normativa que queren utilizar,
mais iso é unha cuestión a resolver despois. En caso de dúbida, no
entanto, sempre prevalecería a variante local. Nós, desde o
reintegracionismo comprometémonos a non facer disto un casus bellis”,
anota o presidente da AGAL. É clara, pois, a vontade conciliadora coa
que nace o modelo binormativo, que foxe da conflitividade característica
de décadas pasadas para deixar paso a un escenario de unidade rumo á
normalización do galego. “Son reintegracionista e non teño ningún
problema coa outra normativa, eu só quero traballar a prol de que o
galego sobreviva, e isto dáse nos dous campos, quer no autonomismo, quer
no reintegracionismo”, afirma Maragoto.
“Agora
as circunstancias son diferentes, eliminouse esa confrontación que
existía antes, esa violencia do conflito normativo”, di Freixeiro Mato,
quen tamén fai mención a pronunciamentos positivos por parte de
interlocutores de peso como membros do ILGA, da RAG ou do Consello da Cultura Galega.
“Estamos a falar dun modelo onde o consenso de toda a cidadanía é
imprescindíbel, e notamos como certos sectores están a asumir un
discurso de apertura ao mundo da lusofonía”, engade.
A inmobilización da urxencia
A
proposta emerxe nunha realidade desesperanzadora para a supervivencia
da lingua, que non só afronta un debate no relativo á norma ortográfica
senón que, por enriba de todo, rexista unha alarmante perda de falantes.
“É por iso mesmo que o binormativismo pode favorecer a reversión
situación actual. Temos que reagrupar todas as forzas en defensa do
galego e non podemos prescindir de ninguén. Se hai persoas defensoras do
galego que se senten reintegracionistas, hai que sumalas e contar con
elas. Ante unha situación así, hai que buscar solucións operativas, e
esta vía de achegamento ao portugués pode ser unha táboa de salvación
para o galego”, conclúe Freixeiro Mato.
O
binormativismo, en definitiva, nace coa vontade de abrir un debate. “A
AGAL decidiu hai tempo que non quere avanzar con nada que non sexa de
consenso. As cousas que propoñamos e as cousas que vale a pena discutir
teñen que ser interesantes para todo o mundo. Nós interpelamos a opinión
pública e temos claro que non temos présa, no galego non podemos actuar
con présa porque son malas conselleiras”, conclúe Eduardo Maragoto.
Nota: nas fotografías que acompañan o texto aparecen Eduardo Maragoto (arriba) e Freixeiro Mato (abaixo).
[Fonte: www.sermosgaliza.gal]
[Fonte: www.sermosgaliza.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário