quarta-feira, 21 de março de 2018

«O insulto», unha simple tubaxe como mecha

Hai unha sensación de verismo no retrato social que aquí fai Ziad Doueiri, coma se a súa intención última fose a de convencer os seus cidadáns sobre o perigoso xogo das emocións forzadas ao límite 



Un artigo de MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ 

Mestura dous planos temáticos e paralelos ata fusionalos, redondeando O insulto como un filme notable, cuxa moralidade, a pesar de desenvolverse nun ambiente xeopolítico concreto, é dunha intelixente universalidade. Temos a dous veciños dunha rúa de Beirut, enfrontados por unha simple tubaxe, un é cristián e odia aos palestinos; outro é palestino e talvez padeza do mal contrario. Ambos arrastran a dúas vítimas colaterais: as súas respectivas esposas. O que arrinca como unha anécdota cotiá acabará nos tribunais baixo a tensa situación da contorna, sobredimensionando un problema ata o punto que a produtora insere un rótulo inicial advertindo de que o Goberno libanés queda á marxe das opinións vertidas. Dá o mesmo, intuímos que se trata dunha convención diplomática, pois dabondo apreciamos que o guion remove unha ferida case ancestral... 





O que fai o libanés Ziad Doueiri -que xa no 2012 ofreceu a moi notable O atentado, outra vez relucindo as miserias do conflito de Oriente Medio- é xogar cos resortes do drama en base a unha factura irreprochable -formouse entre EE.UU. e Francia, país moi implicado no cine desa zona- para derivalos cara á reflexión. 

Hai tensión, hai ritmo e hai unha sensación de verismo no retrato social que acrecenta os seus valores incluso como cine político, coma se a súa intención última fose a de convencer os seus cidadáns sobre o perigoso xogo das emocións forzadas ao límite. A tubaxe só é o detonante. Un ten a sensación de que tería podido ser calquera outra cousa, porque a violencia se palpa no ambiente. E de aí un repaso aos silencios forzados e as complicidades que ocultan vergoñas históricas vinculadas ao pasado do propio Líbano, realmente unha polvoreira. Si chegou a finalista ao Óscar na categoría de fala non inglesa, logrando para o seu protagonista a Volpi en Venecia, o premio do público na pasada Seminci, e outros galardóns a maiores, é porque as súas imaxes transpiran verdade e, talvez, esbozan unha porta aberta á concordia.



[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário