segunda-feira, 19 de março de 2018

Juan Durán: «A música de raíz con roupaxe sinfónica ten altura universal»

O compositor estrea a primeira obra para pito pastoril galego e banda que tocará o solista Efraím Díaz


Un artigo de RODRI GARCÍA 

O compositor Juan Durán Alonso (Vigo, 1960) está do trinque por partida dobre: acaba de converterse no primeiro galego gañador da 35.ª edición do Premio Reina Sofía de Composición, pola súa obra Whispers in the Dark, un galardón internacional convocado pola Fundació de Música Ferrer-Salat. E mañá, ás 12.15 horas no Palacio da Ópera, a Banda Municipal de Musica da Coruña estrea unha composición súa, «unha obra singular porque é a primeira vez que se estrea un concerto para pito pastoril galego e banda». 

-¿Como xurdiu esta peza? 

-Isto vén de Efraím Díaz, un músico tradicional de Lugo que se ocupa de recuperar cousas do folclore galego, entre elas o pito pastoril galego, que é como o punteiro da gaita, un instrumento de madeira, coa súa personalidade. Efraím pediume unha obra para pólo en valor co acompañamento dunha banda. 

-¿Cal é o título? 

-O bosque do asubiador, por tres motivos: os asubíos dos afiadores, un paxaro galego que é o asubiador e O demo do asubiador, unha lenda de Pontevedra. Esta é unha obra moi fresca, moi bucólica, moi nosa, para darlle vida a ese instrumento no seu medio natural. A composición ten o carácter de música un pouco tradicional pero combino a música nosa, a tradicional, dándolle un empaquetado sinfónico, como fixen en Troula, porque por música galega xeralmente non se identifica a música sinfónica. 

-Xa o fixo en obras como a «Cantata Finisterrae»... 

-Levo anos tratando de revestir, de darlle empaquetado á música galega, porque ás veces separamos o mundo popular do sinfónico por prexuízos, e pódense fusionar perfectamente se non desvirtúas unha das partes. Si utilizas a que agora chaman música de raíz como material e dáslle roupaxe sinfónica iso dálle altura universal. Ademais, estou contento porque traballar coa Banda Municipal da Coruña é unha marabilla, deberiamos estar máis orgullosos do que fan porque non tocan só pasodobres como algúns poden pensar ás veces: son grandes virtuosos, grandes músicos. 

-¿Quen será o solista?

-Efraím Díaz.

-¿Como recibiu o premio?

-Aínda estou a aterrar porque é case coma se tócache a lotería, xa non pola dotación económica [35.000 euros] senón polo prestixio e por ter sido o primeiro galego que o gaña. Levo toda a vida aquí, e ás veces pensamos que só vale o de fóra, pero xa se ve que che podes formar aquí e gañar un premio internacional.

-¿É unha obra inédita?

-Si. Non che pon límite de duración e é para unha orquestra grande. Era a terceira vez que me presentaba e falo con sobre pechado e baixo plica; foron preto de cincuenta obras e só se abre a do gañador.

-Na actualidade, ¿un compositor vive de compor?

-A figura do compositor profesional desapareceu hai moitos anos e só queda o que compón bandas de cine. No mundo sinfónico os compositores realizamos un traballo moi minoritario, non é un produto con demanda. Tras a Segunda Guerra Mundial, coa aparición do rock e o pop, emerxeu outro tipo de compositores, os de música lixeira, como Augusto Algueró ou Perales. Era o mundo que lles permitía vivir da composición, pero non podes vivir compondo óperas ou sinfonías. Os compositores somos pouco visibles.

 
[Imaxe: Eduardo Pérez - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário