sexta-feira, 23 de março de 2018

COMO DICILO? ≪Ou sol ou chuvia≫

Non se pode fiar e munxir a vaca ao mesmo tempo.
Por HENRIQUE HARGUINDEY

Non poden producirse, ao mesmo tempo e no mesmo lugar, dúas accións contrarias. É o que exemplifica ben esta cantiga galega: 
        A un tempo non pode ser
        o ter e máis o gastar,
        nin que luza o sol na eira
        e que chova no nabal
 
Efectivamente, por ben que, moi esporadicamente e cesando axiña, poida haber sol e chuvia nun mesmo momento (e todos algunha vez temos lembrado aquilo de que "cando chove e fai sol anda o demo por Ferrol…"), esta situación non se produce senón extraordinariamente. 
De aí a frase feita Non se pode ter (ou querer) sol na eira e chuvia no nabal, é dicir non podemos pretender ter as dúas cousas contrarias que nos benefician: auga nas plantiñas e sol no espazo de lecer e de traballar ao ar libre. E, pola mesma razón, podemos descualificar unha pretensión dicindo que é sol na eira e chuvia no nabal. A frase emprégase tamén en portugués. 
Afírmao así mesmo estoutro dito: Non se pode fiar e munxir a vaca ao mesmo tempo. 
Poderíase igualmente salientar a imposibilidade de estar en dous sitios ao mesmo tempo; é o que aparece na locución española equivalente a estas nosas: No se puede estar en misa y repicando. 
Aproveitamos o soliño que nos quenta e alumea  para sinalarmos que son moitas as palabras en galego derivadas de sol que a maioría dos falantes temos ignoradas ou esquecidas. E por que? Pois, entre outras razóns, porque estamos invadidos polo castelán que nos fai optar –mesmo inconscientemente – polos castelanismos ou polos termos comúns con esa lingua fronte aos máis autóctonos e tradicionais nosos.  Por exemplo, cando empregamos o participio ou adxectivo soleado fronte a solleiro, solleiroso, sollento, sollío, solloso, asollado ou asolleirado. Igualmente cando esquecemos os substantivos solleira, solleiro, solleirado, sollía ou sollío e os verbos asollar ou asolleirar. 
Non deixaremos, daquela, de citar a locución tradicional de asollar o diñeiro (ou os cartos) para significar gastalos (tiralos da sombra para o sol). Algo que todos fariamos de bo grado se non fose que escasea. 
E xa que estamos a falar da calor non será mal lembrar a diferenza entre quentar e quecer.   
Quentar é producir ou infundir calor nun elemento distinto, en tanto que quecer é ir xerando calor en si propio (o que o castelán di entrar en calor) Diremos pois, por exemplo: Quentei o café que estaba na pota, logo tomei un cafeciño e axiña quecín.

[Fonte: www.sermosgaliza.gal]


Sem comentários:

Enviar um comentário