quarta-feira, 14 de março de 2018

A lingua galega renace en Cataluña

Descendentes de galegos e cataláns con curiosidade pola nosa cultura e lingua apréndena en Barcelona. Son neofalantes sen contacto directo co país que cren nas posibilidades do noso idioma. “O caso máis bonito para min é o de Héctor, un home catalán casado cunha muller de descendencia galega, que acaban de ter unha cativa e queren educala en galego”, asegura o impulsor da primeira cooperativa de ensino da nosa lingua en Cataluña.

Nenos nunha protesta de Queremos Galego
Nenos nunha protesta de Queremos Galego | Fonte: Wsobchak

Por Xurxo Salgado

Todas as estatísticas indican que o galego murcha en Galicia, que a maior parte dos cativos prefire falar en castelán, ou, sinxelamente, interactúan no idioma que escoitan nos medios de comunicación, nas redes sociais ou na escola. O galego é algo alleo para eles, como o era o castelán para os seus avós. 

E, curiosamente, cando en Galicia hai xente que rexeita falar na súa lingua, ou que aposta por un falso bilingüismo ou multilingüismo que fomenta máis o castelán e o inglés que o galego, en Cataluña, a máis de 1.000 quilómetros de distancia, hai quen volve as súas raíces, ao dos seus avós e volve atoparse co galego. Ou aqueles que sendo cataláns, adorando a súa propia lingua e cultura, ven no galego un idioma fermoso e en Galicia a unha cultura digna de ser defendida. Son os novos neofalantes e o futuro da nosa lingua fóra do país.

“GRAN DEMANDA” POLA LINGUA DE ROSALÍA

Nos últimos tempos, especialmente en Cataluña, hai un interese por aprender o galego. E froito desa necesidade acaba de abrir unha cooperativa para impartir a nosa lingua.  Aula d'Idiomes é unha excepción no panorama “fechado” da aprendizaxe do galego que, ata agora, estaba restrinxida a universidades e centros galegos. “A través desta cooperativa, o galego poderá ser estudado de novo por aquelas persoas que mostren interese”, apunta Carlos Vieito, un dos impulsores desta iniciativa que di que detectou “unha gran demanda por aprender a lingua de Rosalía”.
 Os estudantes tamén se adentran na cultura galega
Estudantes de galego da Aula d'Idiomes, en Barcelona
Estudantes de galego da Aula d'Idiomes, en Barcelona
Actualmente hai en funcionamento un aula de iniciación, e á espera de abrir, unha de galego intermedio para descendentes de galegos e galegas que xa falan perfectamente galego, mais queren pulir a gramática. As aulas son atípicas, pois ademais de traballar vocabulario, os estudantes tamén se adentran na cultura a través de varios proxectos da comunidade galega en Barcelona, como teatro en galego, baile tradicional ou radio en lingua galega.

GC fíxolle unha pequena entrevista a este mestre de galego.

“QUEREN EDUCAR Á NENA EN GALEGO”
Canta xente vai o curso e que motivacións e obxectivos ten para aprender o noso idioma?

Agora mesmo hai 5 alumnos (a cooperativa non permite aulas de máis de 8 persoas), a metade de semestre entraran 3 persoas máis que xa teñen un nivel máis alto e agora as clases non lles serían proveitosas. Tan só dúas persoas son descendentes lonxanos de galegos. A maioría teñen contacto con Galiza a través de terceiras persoas (a súa parella, amizades, coñeceron o país dalgunha viaxe, etc) e senten interese por aprendelo. O caso máis bonito para min é o de Héctor, un home catalán casado cunha muller de descendencia galega, que acaban de ter unha cativa e queren educala en galego. O principal obxectivo é o de mergullarse de cheo na nosa lingua e cultura. Aquí en Catalunya téñennos bastante aprecio.


Como é o voso proxecto lingüístico e porque vos decidiches polo galego?

A idea de lanzar aulas en galego xurdiu porque diferentes persoas se puxeron en contacto comigo para que lles conseguira escolas ou academias onde aprendelo. Despois de investigar, non atopei ningún centro que ofertara a nosa lingua, así que púxenme en contacto coa cooperativa Aula d'Idiomes para organizarmos unha. As aulas son un chisco diferente do común, pois o que estou a facer é adentrar aos alumnos na comunidade galega facendo teatro, baile, recitais, festas, etc. todo en galego. O que me motivou a ser profe foi o desexo destas persoas por aprender a nosa lingua e o cariño que mostran cara o noso país e a nosa cultura. Ademáis da axuda prestada pola cooperativa para termos un espazo onde impartir aulas.


Desde a túa experiencia, como é a situación dos galegofalantes en Cataluña?
A situación dos galegofalantes aquí, atreveríame a dicir que en moitas ocasións é mellor que en Galiza. A comunidade galega aquí comunicámonos en galego entre nós e de forma pública sen ningún problema e ninguén pon mala cara por iso. Non é raro atoparse carteis anunciando algo en galego xunto co catalán, a igual que non é raro atoparse a xente falando galego pola rúa. É algo xenial cando pasa e instintivamente saúdas a esas persoas sen coñecelas de nada pero hai complicidade.

 Levan a Galiza no corazón
E cres que a situación que se viven en Cataluña está a afectar, digamos, positivamente, á aprendizaxe doutras linguas minoritarias e minorizadas?

Non sabería dicirche no resto de Catalunya, mais en Barcelona, dende que vivo aquí, sempre notei que hai ese ambiente por facer as cousas diferente, sexa estudar unha lingua ou outra cousa. Tamén é certo que aquí a xente en canto chega ten moi mentalizado que debes aprender catalán, non porque che obriguen a facelo, pero danche as ferramentas que precises para que non teñas problemas (como aulas de iniciación ao catalán de balde por toda a cidade). E creo que iso é un factor importante para que se aprendan linguas como o galego. Logo respecto o que pensan os galegos de 2ª xeración, os que eu coñezo e non podo xeneralizar, están como no medio pois indentifícanse como cataláns pero séntense completamente galegos e o máis abraiante e que non os distingues ata que che din que eles son de aquí e que os seus pais ou avós eran de Galiza. E respecto da política (os que eu coñezo) teñen bastante claro que levan a Galiza no corazón pero tamén queren vivir nunha república e como xa me dixeron máis dunha vez: "quen me criou e me dou de comer foi Catalunya".

“Máis de cen motivos, que pagan a pena”
PORQUE YOLANDA QUIXO APRENDER GALEGO

E esta redaccion tamén recibiu unha carta dunha das estudantes sobre as súas motivacións para aprender o galego.

Por que o galego? E iso, para que che serve?
Curioso como a muller que fai máis de trinta anos díxome: Aprende a falar o catalán, vivirás eiquí e traballarás eiquí –cando eu mostraba unha certa resistencia a falalo,... por lealdade ó pai?–...agora facíame esas preguntas?
Será porque o amor á terra tamén se mama na casa? Porque dende pequena o galego era a música de fondo das conversas, a 1000 ou 6000 km de distancia. Por ese sentimento de alegría que traspasa a pel o chegar a León, despois de 900 km en coche, cada verán, chegando a casa, aínda que quen chegaran fosen... “os cataláns”.
Pola emoción dunha paisaxe? Polas mallas? Polo forno e o pan feito na casa cada dez días? Pola acollida xenerosa da tribu? Polo sentimento de pertinencia? Porque os nosos pequenos –que teñen 4 avós galegos e 3 andaluces– teñen que saber quen son e de onde veñen? Por facer unha homenaxe ó home que me puxo o nome e de quen aprendín a rir, a bailar e a respetar a xente?
“Máis de cen motivos, que pagan a pena”



[Fonte: www.galiciaconfidencial.com]


Sem comentários:

Enviar um comentário