A publicación, que foi presentada polo conselleiro Román Rodríguez, compila os materiais expostos na exposición que baixo o mesmo nome tivo lugar o ano pasado na Cidade da Cultura
A Cidade da Cultura de Galicia acolleu esta tarde a presentación do catálogo da exposición Balnearia Bibliográfica, un compendio sobre a historia e os usos da auga en Galicia que recolle, entre outros, os materiais expostos na mostra que baixo dito nome tivo lugar o ano pasado na Cidade da Cultura de Galicia.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, subliñou que dito catálogo foi ideado “como unha enciclopedia da auga” coa finalidade de divulgar un dos temas clave da historia económica e cultural de Galicia, ao tempo que lle rende unha homenaxe aos estudosos e aos emprendedores neste ámbito. O conselleiro fixo un percorrido pola historia da auga en Galicia e destacou, especialmente, o papel dos balnearios e vilas termais como centro da vida social nos séculos pasados, hoxe reconvertidos en lugares de ocio, e como escenarios de obras literarias e cinematográficas.
Román Rodríguez salientou que na actualidade este sector continúa a ser un motor económico en expansión vinculado á industria da comercialización, embotellado e exportación de auga para o consumo; e ligado á cultura do ocio da man do sector dos balnearios.
Tamén se referiu ao proxecto do Campus da Auga impulsado polo Goberno galego en colaboración coa Universidade de Vigo, un centro de investigación e innovación en torno a este recurso natural que “está chamado a ser o motor científico de Ourense”.
A publicación inclúe unha compilación os materiais que se puideron ver na exposición Balnearia Bibliográfica conformada por 150 pezas relacionadas co mundo da auga, unha breve historia das augas minerais en Galicia, un dicionario de autores dedicados ao estudo da hidroloxía desde finais do século XIX ata a actualidade, e unha extensa bibliografía da auga mineromedicinal de Galicia desde o século XVIII.
Ademais do conselleiro, no acto tamén participaron o director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares Rodríguez; o director da cátedra de Hidroloxía Médida USC-Balnearios de Galicia, Juan Jesús Gestal; o xerente do clúster da auga mineral e termal de Galicia, Benigno Amor; o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Educación, Jesús Oitavén; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; entre outros.
[Fonte: www.cultura.gal]
[Fonte: www.cultura.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário