quarta-feira, 28 de fevereiro de 2018

‘Galegos no Minho’ conmemora os 20 anos en activo do Centro de Estudos Galegos bracarense

O secretario xeral de Política Lingüística e o responsable deste centro universitario dependente da Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta presentaron hoxe o volume, no marco das actividades da 4ª Semana Cultural Convergências Portugal Galiza que se están a desenvolver na capital de Galicia
A Casa das Crechas e o Teatro Circo de Braga acollen hoxe á vez cadanseu tributo a José Afonso, da man de Daniel Pereira e mais Uxía, Canto D'Aqui e Primo Convexo, respectivamente
As iniciativas enmárcanse nas accións de desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coas lusofonía, coa que a Xunta de Galicia promove as relacións cos países de fala portuguesa
O secretario xeral de Política Lingüística na presentación do libro

O novo volume Galegos no Minho. 20 anos do Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho conmemora as dúas décadas en activo deste centro dependente da Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia e presentouse hoxe en Santiago no marco da 4ª Semana Cultural Convergências Portugal Galiza, que organiza o propio centro universitario bracarense. Os encargados de dalo a coñecer foron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o seu director, Pedro Dono, acompañados da subdirectora xeral de Política Lingüística, Mª Lourdes Batán, e do coordinador do libro, Fernando Groba.
“A obra fai un repaso polas accións e iniciativas de proxección exterior do galego desenvoltas en Braga desde a fundación do centro de estudos galegos pola Xunta e recompila artigos de persoas e representantes institucionais que contribuíron nas súas actividades e propostas durante estes 20 anos”, detallou o secretario xeral, “presenta, ademais, unha serie de artigos que tiveron vontade de se sumar a esta celebración desde o propio centro de estudos e tamén desde outros centros de estudos galegos”, destacou.
García recordou que a Xunta de Galicia lle está a prestar unha especial atención “á proxección internacional do galego no ámbito lusófono, en cumprimento da coñecida como Lei Paz-Andrade, para poñer en valor a lingua e a cultura propias de Galicia, nomeadamente na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa e desde os sete centros de estudos galegos dependentes da Xunta de Galicia tanto en Portugal (nas universidades do Algarve, do Minho e de Lisboa) coma no Brasil (nas universidades de San Paulo, de Bahia, de Niterói e do Río de Xaneiro)”.

4ª Semana de Convergências Portugal Galiza


A presentación forma parte do cartel da 4ª Semana de Convergências Portugal Galiza, que se celebra desde o 18 ata o 25 de febreiro, e que inclúe nas súas citas cadansúa homenaxe a José Afonso, esta mesma noite, na véspera do Día de Rosalía, en Santiago (na Casa das Crechas, con Daniel Pereira Cristo) e mais en Braga (no Theatro Circo, coa galega Uxía, Canto D'Aqui e Primo Convexo), nos dous casos ás 21:30 horas (hora local). 


Mañá, 24 de febreiro, Día de Rosalía, a cidade portuguesa acollerá a inauguración da Praceta Rosalía de Castro e o espectáculo “Voa” -adaptación libre de Ana Carreira da obra O espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, da man dos estradenses Tequexetéldere. O domingo 25 o Teatro Principal compostelán acollerá o concerto que lle porá o ramo á semana cultural, no que participarán Uxía, a Banda Municipal e Canto D'Aqui.


[Fonte: www.lingua.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário