'Mal de moitos', sainete escrito en 1915 por Euxenio Charlón e Manuel Sánchez Ermida, membros da Irmandade da Fala de Ferrol e impulsores do teatro galego, volve representarse.
A cita é este sábado na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, e o Grupo de Teatro da Sociedade Cultural Medulio de Ferrol será o encargado de poñelo en escena.
'Mal de moitos' foi unha das pezas galegas máis representadas ata a Guerra Civil en Galicia e posteriormente chegou a América coa emigración.
A obra, que recrea un diálogo entre un ancián e un mozo que volve a Galicia tras meses na emigración, será introducida polo profesor e ensaísta Francisco Rodríguez Sánchez, que falará do teatro das Irmandades e dos autores desta obra, ambientada na parroquia de Ferreira, no municipio de San Sadurniño.
Sobre Charlón e Sánchez Ermida dixo no seu día Carvalho Calero: "Dous artistas de Ferrol que gozaron un tempo de gran popularidade, socios entusiastas do laureado coro local Toxos e Froles, compuxeron pasos e sainetes que podían sempre ser interpretados por dous actores soamente. Eles mesmos daban a coñecer así as súas pezas".
[Fonte: www.galiciapress.es]

Sem comentários:
Enviar um comentário