quarta-feira, 17 de janeiro de 2018

'A derradeira leición do mestre' de Castelao chega por primeira vez a Galicia

A obra nunca saíra de Arxentina. Agora, o Centro Galicia de Bos Aires cederá o óleo para unha mostra sobre o autor prevista para o último trimestre do ano no Museo Centro Gaiás.

A obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao 'A derradeira leición do mestre'.

Por E.P.

A obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao 'A derradeira leición do mestre', que nunca saíra de Arxentina, exhibirase en Galicia por primeira vez nunha mostra sobre o autor prevista para o último trimestre do ano no Museo Centro Gaiás. 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Centro Galicia de Bos Aires chegaron a un acordo de cesión da peza, trala negociación iniciada polo titular do departamento autonómico, Román Rodríguez, durante a súa viaxe a Arxentina pola última edición da Feira do Libro. 
Segundo indica a Xunta, quen destacou o óleo como "clave na traxectoria do intelectual e artista de Rianxo", a cesión temporal materializarase a mediados de febreiro coa firma dun convenio entre ambas as entidades.
Castelao pintou a obra en 1945 baseándose na estampa número 6 do libro 'Galicia Mártir', na que retrata un mestre asasinado ante dous mozos conmocionados
A Xunta agradeceu "a boa disposición" do Centro Galicia de Bos Aires e atópase precisando as condicións técnicas do préstamo para garantir "as maiores condicións de seguridade" do traslado.

[Fonte: www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário