No seu discurso do Nobel reclamou ampliar a diversidade literaria
Un artigo de X. FRAGA
O último premio Nobel de literatura , Kazuo Ishiguro (Nagasaki, 1954) leu onte na Academia Sueca en Estocolmo o discurso co que tradicionalmente se agradece o galardón e que converteu nunha clase maxistral sobre a escritura que vertebrou sobre a procura dunha voz propia como autor e que concluíu cun chamamento a favor de ampliar a diversidade literaria.
Ishiguro comezou por recordar os seus primeiros pasos como escritor, en 1979, unha vez recoñeceu que non ía converterse na estrela de rock que soñaba. Relatou o seu paso polo posgrao en escritura creativa da Universidade de East Anglia e como empezou o relato sobre Xapón que desenvolvería na súa primeira novela, Pálida luz nos outeiros. O primeiro sorprendido foi el mesmo, xa que a súa educación fora como a de calquera outro mozo británico da súa idade. Pero na súa casa a súa familia xaponesa seguía comportándose coma se fosen regresar en calquera momento, volta que nunca se concretou. Para o escritor foi unha revelación constatar que o seu país natal xa non se correspondía coa imaxe que el se formou, pero que seguiría viva grazas á escritura: «Desexaba reconstruír o meu Xapón a través da narrativa, garantir a súa pervivencia».
Na súa intervención, Ishiguro relatou as circunstancias en que naceron as súas seguintes obras, Un artista do mundo flotante e Os restos do día, e como se foron consolidando os seus obxectivos e estilo con libros como Nunca me abandones.
Para rematar, fixo un chamamento a ensanchar os límites da literatura: «Si pretendemos ter un papel relevante neste futuro incerto, si pretendemos obter o mellor dos escritores de hoxe e do mañá creo que debemos ampliar a nosa diversidade», tanto con novas voces como non limitar a definición do literario.
[Imaxe: STINA STJERNKVIST/EFE - fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário