![]() |
| Imaxe de 'Paraíso roubado' |
Un artigo de Montse Dopico
“Cagaron e mexaron por nós”. “Ninguén nos escoitou, nin queren escoitarnos a día de hoxe”. Así de clara se amosa unha das entrevistadas no documental ‘Paraíso roubado’, de Lukas Santiago. A súa representa, sen adobío ningún, a voz das mariscadoras que se enfrontaron co aparato represivo do réxime franquista para defender o seu medio de vida, a ría, fronte ao daquela aínda proxecto de Ence. En febreiro de 1959 foron medio milleiro. Mulleres bravas de Lourizán e Campelo que non se arredaron ante o exército que tentaba disolver as súas protestas. Moitas acabaron no hospital militar. Catorce delas no cárcere. Nun tempo no que, por reivindicar os teus dereitos, podías acabar sometida a un consello de guerra.
![]() |
| Fotograma de 'Matria' |
![]() |
| 'Vigo 1972' inclúe varias fotos de mobilizacións obreiras posteriores |
![]() |
| Fotograma de 'Entre a onda e a rocha' |
A empresa realiza, ademais, investimentos en proxectos locais, de xeito que se crea división de opinións entre os veciñanza sobre a conveniencia ou non de que se manteña a súa actividade. Diferencias que fan agromar, de cando en vez, o conflito. ‘Paraíso roubado’ non trata esta dimensión -o conflito interno- como si o fai outro dos filmes de Cineuropa centrados no mundo do traballo, ‘Entre a onda e a rocha’, de Manuel Lógar. Que retrata os percebeiros, na súa loita. Que non é co mar -ou non só- senón coa necesidade de saír adiante nunhas circunstancias cada vez máis difíciles. Porque non é relato épico. Heroico. É retrato, coral, da realidade. Dos desencontros. Da desunión, algunhas veces. Da mentalidade do sálvase quen poida, demasiadas. Das disxuntivas creadas polas crise e, antes, polo afundimento do Prestige. Que facer cando o prezo do percebe baixa pola redución da demanda? O furtivismo “interno”. As axudas que ían para os grandes arrastreiros. O abandono progresivo do oficio.
Desde unha perspectiva distinta, outro dos filmes galegos de Cineuropa, ‘Matria’, de Álvaro Gago, retrata a vida doutro sector da clase obreira: as traballadoras das conserveiras. Mais, sobre todo, evidencia mitos. O “matriarcado” galego que consiste en non parar desde o amencer ata a tardiña para facer o dobre traballo das mulleres: ocuparse das tarefas domésticas e levar un salario para a casa. A protagonista de Matria, Ramona -interpretada por Francisca Iglesias- non ten un marido implicado coa familia nin unha xefa comprensiva, senón máis ben todo o contrario. Mais ela, forte e valente, tira, sempre, para adiante. Procura saídas. E refúxiase na relación coa súa filla e neta.
“Era a miña responsabilidade facer esta película. Era o meu deber darlle voz ás mulleres silenciadas que soportan e calan. Mulleres, todas elas, sensibles, e que ante as dificultades do seu entorno vital, teñen a necesidade de protexerse. Son, polo tanto, dende un punto de vista cinematográfico, personaxes moi interesantes. Personaxes complexos, con moitos matices, incómodos na relación co entorno e de difícil acceso emocional”, explicou o director tras recoller o premio da Seminci de Valladolid.
Outra muller forte é a protagonista de ‘O Tempo futuro’, de Xoán Escudero, que tamén se proxectou en Cineuropa, e que gañou o premio do público no festival Primavera do Cine. Bárbara Iglesias é unha piloto de bobsleigh que loita polo seu soño de competir a nivel internacional. A súa casa, -ela é unha moza de Arcade-, está a 1.500 quilómetros da pista máis próxima para practicar este deporte. A súa oportunidade chega cando é seleccionada para participar nun campionato no Tirol. Escudero rexistra ese feito e o xeito no que ela se prepara para afrontalo. Con toda a ilusión e con moito traballo. “É un soño feito realidade”, asegura ela nunha entrevista na radio, que pode verse no documental. “Que pode seguir medrando”, mesmo ata chegar ás olimpíadas.
Dun soño que se converte en realidade fala tamén outra das películas galegas que puideron verse nos primeiros días de Cineuropa. O documental de Roi Cagiao ‘Vigo 1972’. Un exemplo de loita obreira que non é só un xeito de “resistencia dos débiles” -segundo a categoría que cita Daniel Lanero en ‘Paraíso roubado’, que tanto investigou a tamén historiadora Ana Cabana -, un desafío para o réxime que non trataba, porén, de acabar con el, senón de garantir a continuidade das economías familiares xeradas arredor dos recursos da ría. Na folga que lembra ‘Vigo 1972’ pelexábase polos dereitos laborais, mais tamén contra o réxime. Coa esperanza de que a mecha prendese no resto do Estado.
Naquel setembro de finais do franquismo, 30.000 traballadores e traballadoras pararon a súa actividade laboral durante 15 días. A folga paralizou a cidade e considérase, hoxe, un dos fitos máis relevantes da loita antifranquista a nivel estatal. “Se tivese acontecido en Madrid, diríase que foi o preludio da Transición”, comenta Camilo Nogueira no documental. Ademais del, son entrevistados neste filme algúns dos protagonistas dos feitos, coma Juan Bacariza e Francisco Lores, dirixentes sindicais de Citroën na época; Margarita Rodríguez e Pilar Pérez, dirixentes sindicais da empresa de cerámica Álvarez; a avogada laboralista Elvira Landín; Carlos Barros e Carlos Núñez (PCG); Waldino Varela e Juan Benavides, dirixentes sindicais do naval; ou Rafael Pillado, dirixente sindical ferrolán.
“Ningún despedido, ningún detido”, era o lema dos traballadores mobilizados. Mais houbo despidos -400 na fase final da folga- e centos de detidos. E torturas. O ambiente xa estaba caldeado polo asasinato, seis meses antes, o 10 de marzo, dos traballadores Amador e Daniel en Ferrol por parte da policía. Xa pararan os estaleiros de Vigo en solidariedade con eles. Mais a folga de setembro en Vigo comezou por Citroën. O documental percorre o nacemento e evolución deste paro que se prolongou durante dúas semanas. E faino a través de entrevistas, de dramatizacións dalgúns dos feitos acontecidos, e do uso de material de arquivo, aínda que a maioría das imaxes que mostra, segundo se especifica nos créditos, son de protestas posteriores.
“Nun tempo de hexemonía neoliberal, o documental pode ter mesmo un valor pedagóxico”, comentou Roi Cagiao na presentación do filme en Cineuropa. O contexto era o propicio. Vigo era unha cidade de 200.000 habitantes cun movemento obreiro forte. O actividade política -Galicia Socialista, Organización Obreira e, en maior medida, o PCG- e sindical -CC.OO.- clandestinas fixeron o resto. A reivindicación dos dereitos dos traballadores buscou cauces legais -a través do entrismo no sindicato vertical- e ilegais. No documental reprodúcense os discursos cos que o franquismo reaccionou ante a folga, que amosan nexos co actual discurso gobernamental -as protestas responden a intereses políticos, deben seguir só as vías legais, trátase dalgúns elementos radicalizados…-.
Mais, como di unha canción que pode escoitarse no documental, “os obreiros de Galicia son malos de dobregar”. A loita continuou despois das detencións e os despidos, converténdose Vigo nunha cidade sitiada pola Garda Civil, que vixiaba con metralletas. Os veciños pagaban produtos nas tendas e deixábanos alí para que os recollesen os folguistas. Os mariñeiros dábanlles peixe. E as mulleres, que eran menos, mais que as que eran ocupábanse da casa, do traballo e da vida política e sindical, tiñan que aturar o forte rexeitamento social, que moitas veces viña da propia esquerda, segundo lembran no documental Pilar Pérez e Margarita Rodríguez. Algúns detidos foron multados e outros acabaron en mans do Tribunal de Orden Público (TOP). Ao final, a folga tivo que parar, mais foi, segundo di unha das testemuñas entrevistadas, unha “conquista revolucionaria dos traballadores”. Unha mobilización tras a que viñeron máis. Que axudou a tombar un réxime que non acabou só por un pacto de elites.
[Fonte: www.praza.gal]




Sem comentários:
Enviar um comentário