Mañá comeza un ciclo no que se proxectan clásicos galos desde os anos vinte ata os nosos días
Destaca o pase das primeiras curtas do mestre da Nouvelle Vague, recentemente descubertas e restauradas pola Cinémathèque Française, que a filmoteca galega proxectará no Día Mundial do Patrimonio Audiovisual
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI–Filmoteca de Galicia) inicia mañá un ciclo que percorre a historia do cine francés co gallo da estrea do filme Las películas de mi vida, de Bertrand Tavernier, e do 60º aniversario da Nouvelle Vague.
Este foi un movemento artístico de vangarda que marcou non só a cinematografía gala, senón o cine de autor mundial nos anos sesenta. Nado ao redor dos críticos da mítica revista Cahiers du Cinéma, un dos seus máximos expoñentes foi Jacques Rivette. O 27 de outubro, Día Mundial do Patrimonio Audiovisual, o CGAI estreará en Galicia as súas primeiras curtametraxes, un material inédito que se cría perdido ata que a Cinémathèque Française anunciou o seu descubrimento e recuperación o ano pasado.
Ademais, a filmoteca galega programará o 11 de outubro L'amour fou (1969), un dos filmes máis soterrados da filmografía deste autor pola dificultade de atopar copias en bo estado. A colaboración do CGAI con institucións de prestixio coma a devandita Cinémathèque Française e o Institut Français tamén permitiu traer á Coruña outros títulos moi pouco exhibidos, como More (1969), ópera prima de Barbet Schroeder, considerado un dos enfants terribles do cinema francés, que poderá verse o 31 de outubro.
Tavernier, o profesor apaixonado
Pero este especial esténdese máis alá dos anos sesenta, de xeito que o programa arranca mañá, ás 19,00 h., coa estrea de Las películas de mi vida (2016), filme que ofrece un percorrido histórico por todo o cine galo dende os anos corenta. En diálogo con esta fita de Bertrand Tavernier, cineasta, historiador crítico e presidente do prestixioso Institut Lumière, e mesmo expandindo o seu rango temporal, o CGAI ofrécelle ao público galego a súa propia escolma, con títulos que van dende os anos vinte ata os nosos días.
Así, a filmoteca programa o 3 de outubro L'inhumaine (1924), de Marcel L’Herbier, outro clásico descoñecido ata para os máis cinéfilos. A película destaca pola colaboración de artistas de distintos eidos, mesturando moitas das vangardas artísticas dos anos vinte, co pintor Fernand Léger asumindo parte do departamento de arte.
O ciclo inclúe así mesmo París, bajos fondos, unha das fitas máis recoñecidas de Jacques Becker, que poderá verse o 28 de setembro. Continuará en novembro con varios filmes de Éric Rohmer e estenderase ao longo de boa parte da temporada 2017-2018 do CGAI.
[Fonte: www.cultura.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário