O artista luso, que hoxe inaugura unha mostra en Santiago, di que agora se fan moi poucos obxectos para que duren
Vítor Mejuto
Por MONTSE GARCÍA
Unha peza única formada por un obxecto ligado a outro de iguais
características pero elaborado a diferente escala. Trátase dunha idea do ano 2005
dun dos referentes do deseño portugués na actualidade, Miguel Vieira
Baptista (Lisboa, 1968), que rescatou hai un ano e que agora é o fío
condutor da exposición O pássaro e o elefante, unha metáfora da
ligazón entre os obxectos, que esta tarde se inaugura na Fundación Didac, en
Santiago. Mesas, armarios, cadeiras ou vasillas idénticas pero con diferentes
tamaños e composicións ata completar unha mostra de 21 obras, que dialogarán
ata o 22 de outubro coa serie O silabario perdido, de Vítor Mejuto,
no marco da nova iniciativa do espazo compostelán para propiciar a conexión
entre artistas. A inauguración será ás oito da tarde, pero antes, ás 19 horas,
haberá unha conversa de Miguel Vieira, que afronta a súa primeira exposición
individual en España, co deseñador vigués Tomás Alonso.
-As liñas
sinxelas predominan nestas obras.
-Si, é un tipo
de linguaxe que xa fixen miña, coa miña personalidade. Non me deteño moito en
cousas moi barrocas, moi aparatosas, que fan moita festa; céntrome en outras
máis simples, que esixen máis atención para ver determinados detalles. Ten que
ver coa miña maneira de ser.
-Unha idea do
2005 que rescatou, ¿por que?
-Fágoo moitas
veces no meu traballo. Compulsivamente, gardo deseños que vou facendo e
pequenas anotacións en carpetas, porque teño mala memoria. Despois, moitas
veces recorro a eses arquivos e volvo para
atrás na procura de cousas, aínda que afine a idea. Ademais, como lle pasa a
moitos creativos, tés determinados temas e intereses que vas explorando e
traballando máis, revisitando aquilo que xa fixeches. Teño catro mesas de metal
que creei no 2011, que tiñan unha caixa enriba que mudaba de posición. Entón,
xa traballaba con esa idea de unir obxectos, aínda que non era o mesmo. Nestas
exposicións individuais conseguín crear unha narrativa propia. Non teño un
cliente nin ningún tipo de constrinximento que me obrigue a responder a
cuestións máis pragmáticas, que moitas veces temos que responder cando
traballamos nun contexto máis comercial. Entón, as exposicións individuais
permiten facer este tipo de abordaxes máis experimentais e traballar os temas
con máis liberdade.
-Na sociedade de
consumo actual, onde o que hoxe é tendencia mañá xa está obsoleto, ¿que papel
xoga o deseño?
-Pode ter un
papel perverso e traballar para iso, para que as cousas sexan hoxe fantásticas
e mañá, non; ou, dependendo dos seus obxectivos, facer cousas máis universais,
que duren no tempo, que non sexan escuma dun día. Iso todo ten que ver co
contexto. Non só sucede co deseño, porque agora a maior parte das cousas que se
fan son lixo; as cousas que duran, aquelas que pasan dez anos e aínda dicimos
«isto aínda é bo» son moito menos frecuentes que o contrario.
-Vostede, neste
aspecto, sempre aposta pola funcionalidade.
-Si, pero
gústame provocar. A provocación non ten que ser algo aparatoso, cómico; a
provocación pode ser feita en pequenos e simples xestos. Creo en crear
disrupcións. De repente, a xente está habituada a ver unha cousa e a
relacionarse dun determinado xeito cos obxectos e, se fas unha pequena
alteración, as persoas están obrigadas a pensar.
-Leva dúas
décadas traballando, ¿hai agora máis museos que apostan polo deseño?
-Si, o deseñador
pasou a ter valor e hai máis museos dedicados a esta área creativa.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário