sexta-feira, 11 de agosto de 2017

Redescubrindo Lois Diéguez

Lois Diéguez (Monforte de Lemos, 1944) é un dos máis destacados novelistas da literatura galega actual, un escritor constantemente preocupado por explorar a sociedade no seu conxunto e na súa complexidade, mais tamén todo o que ten a ver coa problemática do ser humano nos seus aspectos máis íntimos. Entre as miles de páxinas da súa obra non é difícil descubrir a súa propia vida. Nesta conversa quixemos que o escritor nos reconstruíse a súa biografía desde o que lle suxiren ou evocan algúns textos extraídos dos seus libros. 



Por MANUEL FOXO

“O bairro era pobre, de casas de barro e palla ou cantos rodados, con fermosos corredores de madeira que lle daban aquela grácia hoxe xa destruída.”, A canción do vagamundo.

O bairro dos Chaos era a escola onde os nenos e nenas nos formamos. A escola da vida e en directo, pois pasabamos moito tempo a correr ou metidos polas airas das casas. Apenas, no intelectual, asistiamos ás clases de Don Luís que cruelmente chamabamos o Chepas, por ter este físico. Quizabes por iso nunca abandonaba a vara coa que nos contiña.

“As festas mareaban-nos de alegría: / tantas mulleres na cociña / (ovos batidos cremas forno arroxado) / tanta xente para xantar / (arroz con polo de curral e pementos encendidos) / tantos contos en rosário alumados polo viño / (guerrilleiros maus castigando abades). / O cuarto do tío cura era o do xabón “La Toja” / e crema de afeitar / o da Lucita mazás maduras e marmelos / pendurados nas traves…”, Ónfalos.

Broza ou Martín, polas terras do Val de Lemos, seguindo ao meu tío o cura que ía de parroquia en parroquia. A miña irmá Lucita atendíao, e era tan guapa, alegre e comunicativa que todo o mundo se prendaba dela. Eu queríaa moito e ás veces fuxía de Monforte para algunha destas aldeas por estar con ela. Aos 20 anos veulle unha leucemia e morreu. Nunca puiden superar a súa falta.
Lugoéletras3
“De seguido mercara os mapas da zona e un libro sobre mosteiros no que viña o de San Clódio que leu e releu, e recoñeceu en cada pedra retratada …”, Tres sombras góticas e unha rosa.

Era ben claro que, de neno, buscaba cariño, amor, e fuxía ao reencontro cando a xente que quería marchaba da miña beira. A historia de ir para o mosteiro de san Clodio con 11 anos foi para estar co padre Marcos, un bieito novo tan neno coma nós que no mosteiro de san Vicente en Monforte nos daba de comer, e nos aprendía a cantar e mesmo a compoñer textos nunha imprenta do mosteiro. Trasladárano para san Clodio. E ao pouco rematei fuxindo outra vez, pero para Monforte.

“Ao viaxeiro encantáballe aquel piso, grande, cun salón comedor a distinto nível do resto dos cuartos e a vista fermosísima ao monte de San Vicente. A primeira vez que entrou ali quedou maravillado de tanto libro, e máis de atopar outros escritos en galego. Faláballe Manuel Maria dun mundo novo e própio...”, Viaxe ás terras encantadas de Lemos.

Manuel María foi o meu verdadeiro educador. Como profesor de Literatura e despois como compañeiro e amigo. Por el sigo escribindo hoxe. Abriume un mundo enorme ao país e á cultura propia. Cando nen tan sequera podía imaxinar que existían libros escritos en galego. Moito do que son, xa que logo, débolle a el, e a súa morte deixoume moi afectado.

“Un papel marelo posto no tablón de anuncios da Escola, chamoulle grandemente a atención a Daniel. E máis cando se decatou de que estaba escrito en galego. Léuno dúas veces seguidas. Ali estaba o que agardaba tanto tempo. Ben podería ser o que enchería o espacio que il notaba valdeiro. Anunciaba crases de Língoa e Cultura galegas”, A Torre de Babel.

A etapa de Madrid, xa na mocidade, onde estudei durante cinco anos, foi a etapa da consciencia política. De Monforte, de Manuel María, levaba a sensibilidade e a cultura, o amor polo país, pero a nación, idioma e consciencia da miña condición galega consolidáronse alí, con figuras que me levaron a iso, como Bautista Álvarez ou Reimundo Patiño que actuaban politicamente nunha illa democrática protexida durante o fascismo franquista pola UNESCO, no chamado Clube de Amigos da UNESCO.
“Érgome todos os días cando o relóxio do Concello toca as sete badaladas”, Henriqueta na galería.

A mocidade e a madurez desenvolvéronse na cidade de Lugo, onde comecei a exercer a miña profesión. Xa como militante activo e traballando para introducir o nacionalismo desde 1972. Partín, xunto con Carlos Varela. de cero para construílo. E á par, unha vida libre e consciente chea de cariño con persoas como a miña irmá Carme coa que construín unha especie de paraíso en Orbazai. Coa súa morte cruel rematou un período feliz, abríndose esa porta da vellez, para as reflexións e a serenidade precisas.

“Desde o Alto do Couso, con afogo e coa presión no corazón tan repetida xa, contemplou os lousados das casas de Outeiro a caer pola aba verde. Moitos, con ocos negros de distinto grandor. O que foron hortas e cortiñas, as airas, borrifadas pola broza do abandono”, A poutada do Oso.

Máis de media Galiza está desaparecida ou abandonada á forza. Un verdadeiro exterminio dunha nación que non quere ver o estrago. Non hai mellor exemplo para sentir este desespero que esa paisaxe de calafrío: unha aldea coa maioría das casas desplomadas, sen teito, e a broza famenta roéndolle as entrañas. E o silencio grande como unha catedral.
“A mamai Otília, coas mazás no fondo do avantal que recolle coas duas mans, métese no galiñeiro, churriñas, churras…, e bótalle a froita como se fose millo. As galiñas corren para peteirar nas mazás, todas a unha, abourándose, pero ao pouco xa as deixan e seguen a percurar o alimento da terra. A mamai Otília fala con elas, nervosa, remoendo nos dentes, e dilles, o domingo é a festa e vou baixar co vestido novo que merquei na Póvoa, había ben anos que o Lisardo non me mercaba un vestido novo, debía ter medo a que me puñese guapa, porque se me poño guapa…”, A canción do vagamundo.

A miña nai foi a persoa que máis admirei e quixen. Unha muller popular moi intelixente que non tivo posibilidades de estudar. Moi avanzada para a súa época, valente e coa rebeldía da muller que non acepta a submisión. Era unha feminista de práctica ao nível que o pode ser a muller que sofre. E aínda nas dificultades, conservaba a alegría natural da casa do Sobreira de Liñares que en parte nos transmitiu. Padeceu moito pero gozou como quixo os últimos anos da súa vida.

“Construímos a casa / para volver outra vez a nós / ao sangue e fertilidade da terra / ao ceo estrelado das noites limpas…”, Ónfalos. 

O paraíso de Orbazai era a casa construída por Carme e por min, integrada na natureza boscosa do monte Segade e do río Mera. As casas teñen para mín un imán porque nelas se pode vivir o espírito de quen as habita ou habitou. E as miñas, as que gardo no recordo e no corazón, foron moitas: Liñares, Següín, Martín, A Broza... e sobre todo a última con Carme: Orbazai.

Esta reportaxe apareceu no Sermos Galiza nº 168, publicado a 22 de outubro de 2015. 


[Imaxes: Felipe Senén - fonte: www.sermosgaliza.gal]

Nenhum comentário:

Postar um comentário