segunda-feira, 28 de agosto de 2017

Galego

Lara Álvarez. 19 anos. A Arnoia. Ourense. Dependenta nunha floristería 

Eu falo galego porque me peta, porque sinto e choro na miña lingua, porque namoro coa miña fala... namorando con bicos e palabras. Cantaruxando e de foliada mentres os cativos xogan cos seus bonecos e rin, rin sen fin porque é ledicia todo o que un fala. Porque o que falou e sentiu en galego sabe o que é ter morriña por ver as xoaniñas, as bolboretas e os vagalumes un día de treboada. Aos que están lonxe cáenlle as bágoas por un amor, un amor que nunca foi pero sempre estivo presente. Aos que se foron, aos que quedaron e aos que voltaron, aos que sempre botaron de menos un aloumiño, un agarimo ou incluso unha cóxega da súa terra, terra querida que sempre quixeron, terra de bruxas e meigallos, miña terra querida que eu amo, terra de lembranzas.

Miña fala, miña fala querida que floreces ata en inverno, xoia dos meus ollos que tanto me enlouqueces, corazón que por ti latexa ao pé da lareira mentres espero por ti, meu salouco. E mentres penso onde estarás, miña rosa, meu pensamento que tanto me asombras, escribo sobre paredes coa sangue que ti me quitaches e coa alma que ti desprezaches. Eu só quixera navegar nese mar dos teus ollos, no mar das túas bágoas sen fin ata afogarmos, afogarmos xuntos pero nunca separados, para que morran de envexa os pobres pailáns e trapalleiros. Para que falen coma os contos para os meniños de que ti e mais eu sempre nos quixemos, miña terra querida, terra de mil amores. Quérote, pola mañá, no luscofusco, e máis as noites, cando a lúa sae de marcha e as estrelas enternece, e no amencer o sol a lúa fai esconder. Es doce coma as túas palabras, es tenrura chea de mil lembranzas, estas chea de pasado nas túas pisadas. E se choras, chora polo que se foi e non volveu. Pénsao ben e non chores, porque a nosa fala é motivo de sorrisos e brincadeiras, porque o noso idioma é único e así nos entendemos. Miña raíña de mil castelos que a todos namoras, que se te caes eu voute erguer coa forza de mil homes. 
Es sentimento e xustiza, bágoa pero tamén sorriso, tantas cousas boas e nunca malas, es a terra que nunca me deixa, por iso digo que ti es fala e contigo vou ate onde faga falta.


[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário