Ducias de artistas xúntanse mañá en Santiago para lembrar a Fran Pérez e a súa amplísima obra artística
Por TAMARA MONTERO
Puño en alto. Branco e negro. Unha doira de aplausos. Non cabía ninguén máis no santiagués Teatro Principal. 23 de outubro e para sempre. Así, co brazo ergueito. Así quedou o tótem da música galega. Así lembra Galicia a Fran Pérez, Narf. Non andou todo o que debería ter andado. Pero no seu camiño non fixo máis que atopar xente distinta coa mesma teima ca el. Unha chea de voces diversas que mañá camiñarán sen fin para celebrar que nalgún intre, ou durante moito tempo, foron a mesma voz. Cheny Wa Gune cruzouse no camiño de Narf en 1997. Xa vagaba canda el dende había moito Carlos Santiago. A María Pujalte disolvíalle os problemas naqueles primeiros cabarés con María Bouzas. Son só tres nomes dese océano de amizades no que Fran Pérez deixou un ronsel eterno. Son só tres persoas das moitas que mañá se xuntarán nesa cidade incompleta, nese faro errante que é Compostela, para lembrar ao artista total.
A derradeira singradura foi con Timbila Muzimba na Pérola da Zigala. No 2004 comezaron a «soñar en cousas futuras». O futuro chamábase Bumba. Lémbrao Cheny Wa Gune falando de vagar. Brilla a súa voz. Mañá é día de celebrar que puideron «namorar musicalmente». Encontrarse. Percorrer unha e outra vez o camiño de Zemambiquo a Zigala. Lembrar ese derradeiro concerto que dicía el que era para celebrar. «El ten parte na nosa tribo, e na nosa tribo celebramos a vida de alguén que xa non está entre nós con positivismo, con alegría para que a súa alma brille onde está el».
Da tribo de Narf -Narife, para os mozambicanos que namoraron del- foi dende sempre Carlos Santiago, un dos directores do espectáculo que pecha o Festival Feito a Man lembrando un dos maiores artesáns musicais que deu este país. Nace Camiñar sen fin «da necesidade de facer unha homenaxe, unha primeira homenaxe a Narf». A celebración do seu legado. Sen laios, adheríndose «á súa filosofía vital e musical». Quico Cadaval, Pepe Sendón, Marcos Teira e Carlos Santiago, sobre os que recaeu a dirección artística, optaron por abranguer todo o posible. Dar unha mostra dende os seus inicios na música rock e na composición da música escénica, do desenvolvemento da súa carreira persoal ata «as últimas sínteses que andaba facendo da música galega, a música universal, a música africana. Este proxecto magno no que andaba metido». Sorrí coa voz Carlos Santiago, irmán de Narf dende que eran adolescentes. «As nosas vidas correron moi paralelas en moitos sentidos». Nicho Varullo, a Nasa, a ida para Portugal e a lusofonía «foi un camiño que percorrimos xuntos moitas veces», Carlos camiñaba a beirarrúa da dramaturxia. Fran, a da música. O segundo era o compositor de referencia do primeiro.
A Nasa e o cabaré
Dentro da Nasa que atrapa a creatividade galega dende finais dos oitenta andaba tamén María Pujalte. «Estabamos todos nos vinte e poucos e María Bouzas e eu empezabamos a facer cabaré». Era o momento no que todo estourou. «El compuxo as músicas todas de Amén», o segundo cabaré daquelas dúas Marías do tempo posterior ás Marías. «Era primeiro un musicazo, logo unha persoa con moitísima sensibilidade e moi lúdico, amaba moito o teatro». Era o pegamento. «Fran lideraba. Era moi alegre, moi suave, dábache moita confianza». Claro, alí non había cantantes. Había actores que se atrevían a cantar. «Disolvía todos os problemas». Non pasaba nada. Todo ía saír ben.
Como sairá ben a andaina que mañá, as 21 horas, na Quintana, percorrerán ducias de voces, que ao longo dos anos foi amoreando Fran no seu camiñar polo mundo: Uxía, Jabier Muguruza, Pista 4, Xelís de Toro, Jim Sanders, Ze Rui, Coro Encaixe, Mofa e Befa, Manolo Cortés, Alfonso Espiño, Pilo Sierra, Guadi Galego, Xabier Olite, Javier Abraldes, Manuel Paino, Piti Sanz, Ton Risco, Fran Sanz... Galegos na Galiza imaxinaria. A Galicia de Narf.
[Imaxe: Xoán A. Soler - fonte: www.lavozdegalicia.es]
[Imaxe: Xoán A. Soler - fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário