O embaixador español neste país defende a tradución de autores españois ao yoruba e hausa para que os nixerianos poidan introducirse na aprendizaxe do castelán.
O Embaixador de España en Nixeria, Marcelino Ansorena, anunciou que o Goberno español publicará libros españois en yoruba e hausa, dúas das principais linguas nixerianas, para “reforzar relacións bilaterais entrambos os dous países”.
Nunha entrevista na Axencia de Noticia de Nixeria (NAN), Ansorena defendeu a diversidade lingüística e puxo como exemplo as cinco linguas oficiais que hai no Estado español: o galego, o aranés, o catalán, o euskera e o castelán, para defender a tradución de obras españolas a linguas nixerianas. Pero, o obxectivo final, dixo, é que aprendan “o español”.
Con todo, destacou que a publicación de libros españois en linguas nixerianas serviría para que a poboación deste país “poida aprender español”. “O Goberno español é consciente do crecemento considerábel en exixencia para aprender español, por iso a necesidade de investir na tradución de libros”, dixo. “Colaboramos con editores nixerianos na aprendizaxe de español e queremos organizar a estrutura literaria para que os nixerianos poidan aprender a nosa lingua e interactuar con ela libremente”, engadiu.
Neste sentido, lembrou que "o español é unha lingua nativa falada por 500 millóns de persoas e utilizada por 60 millóns de persoas nos EE.UU".
[Imaxe:
libro Quixote
- fonte: www.galiciaconfidencial.com]
Sem comentários:
Enviar um comentário