sexta-feira, 2 de fevereiro de 2018

«Quessada. Sociedade e represión», unha publicación para comprender a personalidade pictórica de Xaime Quessada

O catálogo Quessada. Sociedade e represión amosa a vertente máis social e comprometida do artista ourensán
A publicación acompaña a exposición homónima, que exhibe preto de 50 obras na sede de Afundación en Ourense ata o vindeiro 4 de marzo
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, colabora con esta publicación

A Consellería de Cultura e Educación colabora coa edición do catálogo da exposición Quessada. Sociedade e represiónque se presentou hoxe na sede de Afundación en Ourense, no marco da exposición homónima que reúne 47 pezas do artista ourensán. As obras, procedentes de diferentes coleccións públicas e privadas,  amosan a vertente máis social e comprometida da obra de Xaime Quessada e son unha conmemoración do décimo aniversario do seu pasamento.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, explicou durante o acto de presentación que este libro “captura entre as súas páxinas a memoria da complexa personalidade pictórica de Xaime Quessada, o seu compromiso social e a súa solidariedade”. Conta o catálogo coas achegas de José Gómez Alén, comisario da exposición, do director da Real Academia Española, Darío Villanueva, quen afonda na faceta literaria de Quessada, e do doutor en historia da arte Ángel Llorente, que analiza o realismo e o compromiso na obra do pintor.
No acto de presentación estiveron presentes, xunto con Anxo Lorenzo, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; a presidenta da Fundación Xaime Quesada Blanco, María Jesús Blanco; o comisario da exposición, José Gómez Alén; e a coordinadora da área de Cultura de Afundación, Marité Cores.
Quessada, unha defensa dos dereitos humanos
O catálogo da mostra contribúe ao entendemento da personalidade e a evolución artística de Quessada e recolle con claridade a súa denuncia dos horrores da guerra, a miseria e a fame. Permite, ademais, apreciar a diversidade artística do autor e as súas obsesións estéticas e constitúe un percorrido polos acontecementos do convulso século XX e as súas consecuencias.
Lorenzo aproveitou o momento para animar ao público a achegarse a Ourense para ver esta mostra, xa que “é unha oportunidade única para coñecer máis de preto a Xaime Quessada a través dunha importante relación das súas obras.” Unha ocasión “para comprender a relación dialéctica que o pintor mantivo coa arte e co mundo, baseada nunha ética que o levou sempre a defender os principios básicos dos dereitos humanos: a liberdade, a xustiza e a paz”, afirmou o secretario xeral de Cultura.
A Xunta colabora con este proxecto, a través da Consellería de Cultura e Educación, dentro do seu compromiso coa difusión e a posta en valor dos artistas galegos, como é o caso de Quessada, figura clave e unha das personalidades máis prolíficas e universais da historia da arte en Galicia.

[Fonte: www.cultura.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário