A secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, Celia Armas García, prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
Os pasados días 28, 29 e 30 de outubro asistín en Caerdydd (Cardiff na súa versión en inglés) á asemblea anual do ELEN, a Rede Europea para a Igualdade das Linguas á que a Mesa pola Normalización Lingüística, entidade á que fun representando, leva pertencendo hai xa moitos anos. Esta asociación encárgase da promoción, protección e benestar das linguas chamadas rexionais ou minorizadas en Europa, unhas 50 linguas de 25 Estados diferentes.
Ano tras ano, levamos asistindo e transmitindo a nosa realidade a respecto non só da situación do uso do noso idioma senón tamén da actualidade lexislativa e política a nivel lingüístico. Ano tras ano levamos constatando como casos máis próximos ao noso, aínda que só sexa por estar baixo o mesmo paraugas estatal, como o vasco e o catalán (ambos os dous en toda a súa extensión xeográfica), expoñen a súa situación que, se ben é difícil, non presenta os alarmantes datos de perda de falantes que nós padecemos. Ano tras ano levamos escoitando como outros lugares máis afastados e con comunidades lingüísticas máis pequenas e/ou máis depauperadas que a nosa nos relatan as súas loitas, debates, dificultades…, en que nós tan ben nos sentimos reflectidos.
Nesta ocasión era unha destas comunidades quen nos recibía. En Gales hai unha poboación moi similar á galega, andan polos 3.300.000, e deles case un 26% di que pode comunicarse na súa lingua propia, o galés. O seu ministro principal (o equivalente do noso presidente), Mark Drakeford, deunos a benvida ás delegacións convidadas e informounos de que levan tempo experimentando un leve pero incesante incremento de falantes.
Esta tendencia á alza é debida, en gran medida, a un plan estabelecido polo propio goberno galés que se basea na necesidade de fixar a poboación no territorio e fomentar o emprego da mocidade no seu propio país, sendo a promoción do galés unha das bases do antedito plan. E ten como obxectivo chegar ao ano 2050 cun millón de falantes de galés e, vista a progresión, semella bastante probábel que o logren. Ir polas rúas de Cardiff xa chama a atención a calquera que, coma nós, proveña dun entorno cunha lingua minorizada, porque non hai sinal oficial, cartaz explicativo, placa de edificio ou aviso de tráfico que non estea en galés e logo en inglés. E o galés aparece sempre coa tipoloxía de letra máis destacada ou situado á esquerda, lugar de preferencia para a lectura. Igualiño que aquí…
Que puidemos, resumindo, concluír logo de coñecermos estas experiencias e outras que xa non cito? Evidenciouse que todo avance se basea na existencia de dous piares básicos e interdependentes. En primeiro lugar, debe haber unha mobilización social, unha base poboacional concienciada, reivindicativa, loitadora, que non desmaie nunha loita que atravesa xeracións e que ten moitas, pero moitas, máis tristezas que alegrías. E en segundo lugar, tan importante como o anterior, e derivado del, é imprescindíbel unha vontade política que acompañe a demanda social, que lexisle a favor da lingua propia e que non só elabore plans senón que os cumpra porque está firmemente persuadida de que os avances nos dereitos dos falantes da súa comunidade lingüística son beneficiosos para toda ela. Vimos imaxes de manifestacións, de sinais escritos en galés que estaban arrincados, tachados, de concentracións diante de xulgados, centros de ensino, de saúde e, se non nos fixamos na lingua en que estaban escritas, podían ser fotos galegas.
Eramos nós mesmos quen estabamos alí, día tras día, pais e fillos, nais e fillas, repoñendo cartazes, berrando polas rúas, reclamando dereitos que nos son tan negados aquí como aló. E tamén vimos textos legais aprobados, centros de aprendizaxe de gaélico, subvencionados, claro, cheos de rapazada entusiasta, gráficas que amosaban o ascenso e a fidelización de falantes… Quen nos dese! Mais nós si contamos co primeiro piar. Nós somos moitos e moitas que non só falamos en galego senón que o facemos consciente, orgullosa e reivindicativamente. Nós tamén nos decatamos, como os galeses, de que promocionar a nosa lingua é traballar polo emprego no noso país, pola nosa cultura e polo noso futuro. Só nos falta a segunda parte, o segundo piar. Pero aos galeses tamén lles faltou durante moito tempo así que non podemos nin desistir na loita nin perder a esperanza. Vivimos, falamos e queremos galego!
Sem comentários:
Enviar um comentário