segunda-feira, 11 de abril de 2022

Poesía sociolingüística

 Florencio Delgado Gurriarán.                                                                                              Florencio Delgado Gurriarán

Escrito por XESÚS ALONSO MONTERO

Delgado Gurriarán cultivou este xénero da poesía sociolingüística antes e despois da Guerra Civil, faceta pouco tida en conta polos estudosos da magnífica musa plural do escritor valdeorrés. Xa compuña poemas sociolingüísticos en 1931, e de 1934 é o máis importante desas datas, Falan castelán, que retocou e ampliou en 1943, xa no exilio mexicano. Imponse salientar que Delgado Gurriarán, no período da Segunda República, foi o único poeta que facía versos en defensa e ilustración da lingua galega. Cómpre chegar a 1962 para atopármonos cun poema sociolingüístico, aquel de Celso Emilio Ferreiro que se titula Deitado frente ao mar e que comezaba co famoso epifonema demótico «Lingua proletaria do meu pobo». Arredor de 1968 comezan a facer poesía sociolingüística tres poetas da escola de Lugo (Manuel María, Manuel Rodríguez López e Darío Xohán Cabana), e nin eles, nin Celso Emilio, que se saiba, beberon na fonte literaria de Delgado Gurriarán, escritor, daquela, moi pouco coñecido entre nós.

Delgado Gurriarán, dentro dese xénero poético, tamén se asomou ao eido da toponimia, sempre comprometido coa verdadeira fonía, coa pronuncia enxebre, dos nomes dos lugares (topónimos). De 1981 é, precisamente, Louvanza dos nomes enxebres. Xa en 1963 publicara Nomes, poema no que non só defende a pureza dos topónimos valdeorreses (Porto Mourisco, Outarelo...) senón a dos topónimos indíxenas de México (Tacámbaro, Michoacán...).

Tamén de 1981 é Prego dun valdeorrés ao Nazareno do Barco, no que o poeta, crente, pídelle a Xesús que se achegue máis á xente galega do común para que poidan «rezar en galego» tanto os que «sachan leiras» como os que «percorren o Mundo / porque hai fame nos seus eidos». É moi elocuente o que lle aconteceu en 1968 en Vigo (as súas segundas vacacións na Terra). Asistiu a unha misa en lingua galega oficiada polo venerable padre Seixas (unha da primeiras en galego), e, ao oír a homilía naquel idioma, o seu, rompeu a chorar. Finalizada a misa, deulle unha fortísima aperta ao padre Seixas mentres lle comunicaba que, nin nos seus mellores soños, imaxinara unha experiencia tan conmovedora.

 

[Imaxe: Consello da Cultura Galega - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário