Luca Chao, politóloga experta en migracións internacionais, prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.
Escrito por Luca Chao
A primeira volta electoral francesa deixou un panorama menos axustado do que prognosticaban as enquisas. Macron acadou o 27,84% dos votos, mellorando en case catro puntos o resultado de 2017. A candidata da renomeada Fronte Nacional, Le Pen, o 23,15% e o candidato da Francia Insumisa, Mélenchon, un 21,95%, quedando a escasos 400.000 votos da segunda posición, o que, sen dúbida, tería mudado substancialmente os termos do debate presidencial.
Non foi posible e o vindeiro 24 de abril a sociedade francesa volverá ter que escoller entre Macron, candidato do neoliberalismo extremo, e Le Pen, candidata da extrema dereita. As sondaxes perfilan unha situación de empate técnico, no que todo sería posible, mentres que a maioría das análises publicadas parecen dar por vencedor a Macron, quen ten no éxito do "cordón sanitario" a mellor, senón a única baza para frear a extrema dereita.
Así aconteceu xa no 2002, cando Chirac pasou do 20% dos votos que tivera na primeira volta, ao 82% na segunda, mentres Le Pen, por aquel entón Jean Marie (pai), quedouse no 18%. Funcionou de novo na pasada elección presidencial, cando Macron gañou a, esta xa si, Marine Le Pen, co 66% dos votos. É dicir que as veces que foi conxurada a máxima democrática e republicana contra o fascismo funcionou, pero cada vez con menor potencia.
Deste xeito a segunda volta deste 2022 parécese bastante á do 2017, pero hai algunhas diferencias fundamentais de cara a analizar posibles escenarios.
1. Nin o novo é tan novo, nin o vello o parece tanto
Se no 2017 Macron centrou a súa campaña na novidade, na superación do eixo esquerda-dereita, e no cambio, cinco anos despois, nin as súas políticas nin o seu programa sementan dúbidas. Macron propón alongar a xubilación ata os 65 anos (un máis incluso do que pedía a patronal), rebaixar os impostos ás empresas, condicionar as axudas sociais e endurecer a política migratoria. E isto ao tempo en que Le Pen renovaba formas e discursos, distanciándose do estereotipo fascista, presentándose como especialmente preocupada por asuntos como a suba de prezos e a perda do poder adquisitivo e incluso, reivindicándose feminista (cousas veremos!). Forma e fondo mestúranse aumentando o clima de confusión no que os candidatos tratan de sacar maior rédito electoral.
2. Crise do sistema de partidos
A crise absoluta dos partidos tradicionais que pivotaron a historia da Quinta República evidenciouse nos pésimos resultados da candidata do Partido Socialista, Hidalgo (1,75%), e a dos Republicanos, Pécresse (4,78%). É dicir, a suma do bipartidismo francés das últimas décadas apenas alcanza un 6%.
Estas cifras poñen en evidencia a crise política que vive o país e que se manifesta, cando menos, en dúas caras, a crise de representación, derivada da desconfianza que colleitan os líderes dos principais partidos, considerados totalmente incompetentes e que animan experimentos novos; e a crise ideolóxica, fronte ás identificacións tradicionais trunfan pertenzas líquidas que se sustentan en apoios momentáneos que non teñen que durar máis alá do día das eleccións. Votantes-consumidores de líderes mesiánicos e votantes-destituíntes para castigar as opcións tradicionais. Unha crise acelerada no marco das presidenciais que, haberá que ver, ata que punto se traslada ao marco parlamentario.
3. Resultado espectacular da extrema dereita
Unha de cada tres persoas que votaron o día 10 de abril fíxoo por un dos nomes da extrema dereita. A amplificación dos seus discursos nos medios de comunicación, a asunción dos seus marcos políticos, a normalización constante da extrema dereita ten consecuencias desastrosas (estámolo vendo tamén deste lado dos Pireneos).
4. Ausencia de horizontes de progreso e esperanza
Na noite electoral, Mélenchon repetiu ata tres veces que ningún dos seus votos debía ir á Le Pen. Agora ben, as transferencias non son inmediatas, e nun momento, como dicía, de adhesións líquidas e variables, algunhas enquisas apuntan a que un de cada tres votos da Francia Insubmisa podería pasar a Le Pen. É dicir, que a extrema dereita podería recoller unha gran bolsa de voto descontento e contraria ao goberno das elites que representa Macron.
Nin que dicir ten que unha posible vitoria de Le Pen poñería en grave risco a democracia e a convivencia, máis aínda os dereitos das minorías, así como un golpe definitivo ao maltreito proxecto europeo. Motivos máis que suficientes para a mobilización antifascista. Agora ben, non cabe perder de vista a dificultade que implica tratar de convencer os votantes á contra, sen ningún motivo de ilusión, ao tempo que se defenden e se levan á práctica políticas neoliberais e conservadoras extremadamente duras.
'Nin Macron nin Le Pen', grita a mocidade na Sorbona. Teñen razóns para estar enfadados. Mais non, entre dereita e extrema dereita, nunca cabe a abstención.
[Ilustración: Álex Rozados - fonte: www.nosdiario.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário