domingo, 14 de novembro de 2021

Unha base de datos reúne coa grafía orixinal toda a lírica galego-portuguesa

 O proxecto supón a transcrición paleográfica de máis de 61.700 versos

Membros do equipo de investigación que elaborou a ferramenta no Centro Ramón Piñeiro.
                           Membros do equipo de investigación que elaborou a ferramenta no Centro Ramón Piñeiro.

Escrito por MONTSE GARCÍA

Un total de 3.200 arquivos con 61.757 versos conforman a primeira base da datos paleográfica da lírica galego-portuguesa, que foi desenvolta no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O obxectivo desta ferramenta que recolle a transcrición de todos os testemuños da tradición trobadoresca mantendo a grafía do xeito máis fiel posible á dos códices orixinais é facilitar o seu estudo. «Con ela vanse poder contrastar moitas das afirmacións que ata o de agora se teñen feito sobre a lingua medieval», asegura Pilar Lorenzo, que xunto con Mercedes Brea e Antonio Fernández Guiadanes estiveron á fronte deste proxecto que ten detrás máis de quince anos de traballo e que aínda continuará desenvolvéndose.

Esta nova base de datos en liña coa transcrición paleográfica acompañada tamén das imaxes orixinais dos códices, denominada PalMed, supón un paso más para o Centro Ramón Piñeiro despois de poñer en marcha en 1998 outra recollendo o corpus completo da lírica galego-portuguesa, incluíndo os textos e información sobre eles. Por que facer esta nova ferramenta coa transcrición paleográfica? «É importante por dous motivos. Primeiro, porque non podes facer unha edición crítica sen ter unha boa transcrición previa. E, segundo, porque a maior parte dos estudos de historia da lingua ou sincrónicos sobre a lingua medieval están feitos sobre edicións e estas non recollen o que din os manuscritos, senón o que propón o editor. Entón, para poder saber como era realmente a lingua na Idade Medie hai que traballar directamente sobre os manuscritos, pero non todo o mundo ten facilidade para acceder a eles e para lelos», responde Mercedes Brea.

A transcrición paleográfica cobra especial relevancia na lírica galego-portuguesa porque conta cunha «tradición pobre, de poucos manuscritos», resalta Antonio Fernández, fronte a outras como, por exemplo, a occitana ou a francesa. Iso fai que, finalmente, se lle preste especial atención á grafía, «que tamén é fonte de moita información e moi relevante». Dese xeito, á hora de facer a transcrición paleográfica do Cancioneiro de Ajuda, o Pergamiño Vindel, o Fragmento Sharrer, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana optaron por unha fórmula conservadora, tratando de preservar non só os grafemas, senón tamén a distribución dos folios coas mesmas liñas que ofrecen os manuscritos e a separación dos palabras. «Reprodúcese exactamente todo menos os debuxos e a decoración», explica Mercedes Brea.

Para facer esa transcrición paleográfica conservadora da lírica galego-portuguesa un dos retos foi establecer un código de escrita para adaptar as grafías existentes nos códices orixinais sen que perderan os seus valores. Isto permite estender o seu uso. «Sen necesidade de moitos cambios, a ferramenta podería ser aplicada a calquera das producións líricas medievais e tamén naquelas que non sexan líricas», engade Mercedes Brea. Outra das dificultades para desenvolver PalMed, segundo resalta a investigadora, foi a obtención de recursos económicos para poder contratar persoal e formalo.

Agora, acaban de obter financiamento a través do Ministerio de Ciencia para darlle continuidade con novos traballos. Deste xeito, o proxecto realizado no Centro Ramón Piñeiro, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, non vai rematar coa transcrición paleográfica dos códices do xeito máis fiel posible. O seguinte traballo que acometerán, segundo apuntan, é etiquetar toda esa base de datos de xeito gramatical e léxico. A previsión é completar este labor nun prazo de catro anos. «Canto máis coñeces o manuscrito e o que tes dentro, ao ler estudos de hai uns anos, dáste conta do máis fiables que serían as hipóteses que lanzan se se partise deste tipo de transcricións paleográficas e non de edicións críticas», afirma Antonio Fernández.

Interese tamén de investigadores estranxeiros e orixe para novas publicacións

A base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa do Centro Ramón Piñeiro está espertando non só interese en Galicia, «senón que están contactando con nós tanto especialistas como doutorandos doutros países», resalta Pilar Lorenzo, lembrando que esta tradición «supón o nacemento da nosa literatura. Ademais, a nivel peninsular é a primeira transmisión que ten carácter orgánico. É a secuencia de arranque, se un quere entender todo o que vén despois, ten que partir de aí». Pero non é só que esperte o interese, senón que tamén esta transcrición paleográfica xa está propiciando que saian novas publicacións, segundo apuntaron desde o equipo que dirixiu PalMed.

Un dos puntos fortes que achega esta nova ferramenta é que se trata, apuntan, dunha auténtica base de datos, xa que o existente ata o momento «son repositorios textuais que permiten certas buscas, pero moi limitadas», afirma Antonio Fernández. Nese sentido, «hai a posibilidade de facer combinacións entre campos de busca distintos para obter uns resultados moi específicos, algo que non permiten outras aplicacións que están dispoñibles», engade Brea, lembrando tamén que se trata dunha transcrición paleográfica moi conservadora, algo que tampouco é habitual.

Xunto a Mercedes Brea, Pilar Lorenzo e Antonio Fernández, tamén traballaron nesta nova base de datos José Carlos Sánchez Rivas, Carmen de Santiago, Helena Bermúdez, Déborah González, Simone Marcerano, María Isabel Morán Cabanas, Susana Pedro e María Ana Ramos. «Unha das fortalezas para desenvolvela foi que traballamos xente de distintos ámbitos e é un proxecto internacional con colaboradores de distintos países», destaca Pilar Lorenzo.

 

[Imaxe: XOÁN A. SOLER - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário