A primeira representación do Centro Dramático Galego, 'Woyceck'
Escrito por Diego Giráldez
Belmondo contaba que, cando era cativo, roubaba o leite que o repartidor deixaba ao carón das portas das vivendas dos veciños. Nada heroico para un tipo duro, pero fixo de beber leite de balde unha rutina. Estrañábase sobre todo da actitude dos donos dunha casa en concreto. Non parecía importarlles que as súas botellas de leite desaparecesen a diario. Pero un día coincidiu con eles na porta. Eran Simone de Beauvoir e Jean-Paul Sartre. Belmondo deixou de roubar o leite desa casa. Porque ninguén respecta máis a súa propia cultura ca un francés.
A despedida a Belmondo nos Inválidos de París, con esa posta en escena, a ovación definitiva e o Chi Mai de Morricone incrustándose entre as fendas do adoquinado, fíxome pensar en todos os nosos artistas mortos. Nos transcendentes e nos semiocultos. Nos protagonistas multimillonarios e, sobre todo, nos desafiuzados. Os que agonizan espertos nunha residencia de anciáns ou trala cristaleira dunha cafetería barata, tomando un vaso de auga, ao fondo. Non hai peor morte para un artista que tornarse irrecoñecible.
Aquí, un día, pásanos por diante a nova da súa morte, tentamos lembrar en que momento nos fixo feliz e deixamos que o lique cubra o seu legado.
Aquí, as despedidas nacionais aos artistas resólvense nun chío do presidente redactado por un asesor. Unha publicación que se fai só no caso de que o morto sexa realmente transcendente e consiga situarse entre os trending topic matinais. Só cando iso acontece, un asesor mira a outro e dille: “Pon aí en Google, a ver”. E cun “grazas por todo”, despiden oficialmente a actrices e músicos, escritores (un escritor é un artista ata que a súa obra se empeña en demostrar o contrario) e algún que outro director de cine. Con moita sorte, a algún pintor substancial.
Celebramos centenarios, claro que si. Celebramos centenarios estupendos. Nos centenarios de algo -dunha morte, dun nacemento, dunha liña- esgotamos a partida orzamentaria de Cultura. Incluso citamos ao homenaxeado dende as bancadas parlamentarias mentres o resto de deputados da mesma cor asinten coa testa, como imbéciles. Aínda que en todo ese parlamento ninguén entenda a cultura coma un ben común porque non é rendible. Entre a política de non poñela en valor e o esnobismo de entender que está feita só para uns poucos, a cultura sempre vive escalando os picos máis duros.
O discurso de Lorca o día da inauguración da biblioteca do seu pobo, en setembro de 1931, serviría para entender a cultura como bálsamo. Un discurso íntimo e brillante como a fronte limpa do poeta que non tiña libros porque os regalaba todos. “Cando alguén vai ao teatro, a un concerto, e é do seu agrado, lembra decontado e láiase de que as persoas ás que quere non estean alí”. Non existe definición máis linda de cultura e unha mostra de respecto máis contundente polos creadores.
Un respecto polos desvaríos e miserias dos artistas; polo seu dereito a non reivindicar nada. A sobrepasarse nu sobre o escenario. A non ter tendencia. A ir a un casting e perder. A recrearse na ficción sen medo e sen fisuras. Non existe un só colectivo que supere o poder da ficción. Deberiamos reivindicar o respecto polos artistas que comparten algo extraordinario e quedan sacudidos. Pola emoción do talento e tamén por quen o intenta.
Boto de menos as partidas de Trivial nas que poñiamos en orde a nosa cultura xeral. Porque hoxe vivimos en ducias de territorios distintos nos que se sobrevalora o intranscendente e onde non existe unha soa materia que nos demostre, en serio, que a cultura é liberdade. Por iso paseamos por aí arrastrando as cadeas.
[Imaxe: AGADIC - fonte: www.praza.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário