sábado, 18 de setembro de 2021

'A xustiza pola man', unha panorámica sobre a conflitividade e a violencia cotiá lonxe do estereotipo de Galicia

Manifestación pola devolución da marisma de Baldaio, en 1977, unha das loitas analizadas n'A xustiza pola man' © Concello de Carballo

 

A editorial Xerais saca do prelo este mes de setembro A xustiza pola man, unha obra conxunta que achega "unha panorámica sobre as formas de conflitividade e violencia cotiá na Galicia contemporánea". "Partindo dunha óptica común, inténtase comprender a sociedade a través dos conflitos e dunha das súas posibles derivacións, a violencia, entendida esta non como unha manifestación de irracionalidade, senón como síntoma das oposicións e loitas de poder inherentes a calquera comunidade", explica sobre un libro que pretende tamén "expoñer unha visión afastada dos estereotipos que afondan nunha Galicia resignada aos designios do poder imperante".

A obra pretende "expoñer unha visión afastada dos estereotipos que afondan nunha Galicia resignada aos designios do poder imperante"

Con Francisco J. Leira Castiñeira e Miguel Cabo como editores, A xustiza pola man inclúe textos deles mesmos e doutros historiadores como Ramón Villares, Antonio Míguez Macho, Lourenzo Fernández Prieto, Emilio Grandío, Araceli Freire ou Eliseo Fernández.

"É unha análise nova, detallada e coherente sobre a violencia no pasado que descobre as diferentes caras da violencia, as súas mutacións e o lugar central que ocupou na historia", opina sobre a obra Óscar Bascuñá, da Universidad Complutense de Madrid. "Uma obra de leitura indispensável e urgente para quem deseje pensar a Galiza num tempo longo, além dos estereótipos sobre o conflito e a violência", engade Paula Godinho, da Universidade Nova de Lisboa, sobre un libro que vén de saír e do que Praza.gal ofrece a súa introdución en adianto.

Portada de 'A xustiza pola man' © Editorial Xerais

Nunha das estrofas do seu coñecido poema “Vientos del pueblo” de 1937, Miguel Hernández caracterizaba ós diferentes pobos da península cun ou dous epítetos que sintetizaban os estereotipos dominantes sobre os mesmos. Así, os vascos eran “de piedra blindada”, os asturianos “de braveza”, os valencianos “de alegría” e os galegos…”de lluvia y calma”.

A mansedume era, se cadra segue sendo, un dos clichés sobre o noso país, xa se fixese del unha valoración positiva ou negativa segundo os casos. Para os conservadores, propios e foráneos, era unha virtude: a menor incidencia da violencia individual e colectiva sería unha proba da harmonía social subxacente contraposta interesadamente á axitación rural nas provincias latifundistas ou á conflitividade vencellada ó movemento obreiro nas grandes cidades españolas. Para outros, sería unha eiva colectiva que conlevaba a aceptación fatalista das inxustizas, sintetizada na fórmula de Castelao “o galego non protesta, emigra” ou en tantos debuxos seus nos que os labregos aturan con resignada indignación os abusos dos poderosos. Para espertar ó campesiñado do que percibían como pasividade secular, os axitadores agraristas non atopaban nas súas arengas outro precedente máis recente que as revoltas irmandiñas do século XV.

Os tópicos non se impoñen de xeito arbitrario e sempre conteñen unha boa dose de verdade, pero a realidade é sempre máis complexa e a ollada dos contemporáneos non percibe todos os matices que facilita a distancia no tempo, privilexio dos historiadores. O conxunto dos traballos reunidos neste volume achega unha panorámica actualizada sobre as formas de violencia cotiá na Galicia contemporánea, deixando á marxe as vencelladas ós períodos bélicos: a guerra do francés, as carlistas, a repercusión das empresas coloniais do Estado español e a guerra do 36. Neles a violencia predominante é a outra escala e con outros condicionantes, o que non quere dicir que as formas de violencia e conflitividade do tipo das que se analizarán nesta obra non puidesen ter continuidade adaptadas ó contexto bélico. Xuntan os seus esforzos autores xa asentados con outros que se teñen iniciado non hai moito na investigación, de feito varias das achegas son avances de teses doutorais en marcha. Achegámonos ó tema desde perspectivas diversas, pero que en absoluto esgotan todas as posibilidades porque a conflitividade e a violencia están presentes en calquera sociedade humana, como “subproduto da cooperación” que son, en expresión do polaco Bronislaw Malinowski, un dos fundadores da Antropoloxía. Subxacen, sequera como posibilidade, en moitos actos cotiáns de cada individuo. Non son por tanto anomalías senón parte do funcionamento normal dunha sociedade.

 

 

[Fonte: praza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário