sábado, 7 de setembro de 2019

Novas linguas

Por L. C. Carballal

Hai tempo lin nun texto sobre sociolingüística a resposta que un paisano daba a unha pregunta –ende mal non lembro cales: nin texto nin pregunta–, esta quedou para sempre no meu acordo polo aclaratoria que era sobre o status do galego. A esencia da resposta era: “antes cando o galego era un dialecto…, mais agora que é unha lingua”. Obviamente o galego seguía a ser o mesmo, mais a súa situación mudara considerabelmente: subira de categoría.
Que quero dicir co devandito?, pois que as “falas” poden mudar de posición cando os criterios dos propios falantes ou da lingüística mudan. Velaquí a razón pola que parece que xurdiron “novas linguas” dentro da romanística, e tamén no resto da lingüística, porque mudou o xuízo que os cientistas teñen sobre os outrora “dialectos” e en moitos casos tamén a opinión dun boa parte dos seus falantes.
Se cando naceu a romanística a comezos do s. XIX, esta soamente contemplaba a existencia de seis linguas: francés, provenzal (= occitano), italiano, español, portugués e valaco (= romanés); é dicir, soamente aquelas que eran oficiais nun Estado fóra do “occitano” por mor do prestixio da súa lírica medieval. Logo a comezos do s. XX engadíronse tres novas linguas: rético (= retorromance), dálmata e sardo; e na metade do mesmo xa había un recoñecemento de máis linguas, como o catalán, e de “dialectos latinos” como o leonés e o aragonés. Mais será a partir de finais do século pasado e no actual cando xurda un recoñecemento amplo da variedade lingüística romance, que inclúe idiomas oficiais e linguas sen status ningún.
Hoxe podemos atopar descricións diferenciadas das seguintes falas romances vivas na Romania Antica (a Romania europea onde se formaron estas falas a partir do latín vulgar):
Iberorromances: é o grupo máis occidental da Romania e inclúe a maioría das linguas ibéricas: o galego-portugués, con dúas variedades modernas: portugués e galego (e dentro deste o “galego-asturiano” está en discusión como variedade galega ou como fala de transición co asturiano; e tamén a adscrición da “fala de Xálima” estremeña); o asturleonés, con tres variedades recoñecidas: mirandésleonés e asturiano, e unha en discusión: o estremeño; o castelán, cunha variedade recoñecida: o ladino (con status de lingua protexida en Israel), e outra en discusión: o cántabro; e o aragonés, onde o benasqués esta en discusión como fala de transición co catalán.
Occitanorromancescatalán-valenciano (dado que ambas as denominacións son oficiais); e occitano (cuns dous millóns de falantes e status de lingua rexional nas rexións de Auverña-Ródano-Alpes e Pireneos-Orientais), onde o gascón está en discusión como variedade occitana ou lingua diferente, e dentro deste o aranés é a única variante con status oficial no seu territorio, o Val de Arán.
Galorromances: grupo constituído polo francés e os dialectos de oil, sendo os máis afastados de París (valón –con máis dun millón de falantes–, picardochampañés e gaumés –variedade do lorenés cuns 5.000 falantes– (os catro recoñecidos como linguas rexionais en Bélxica), gallo (cuns 40.000 falantes e status de lingua rexional na Alta Bretaña), poitevinonormando…) os que mellor sobreviven á absorción pola lingua oficial; e o francoprovenzal ou arpitán, con status de lingua rexional na rexión de Auverña-Ródano-Alpes e cooficial nalgunhas comunas do Piemonte italiano, xunto co italiano.
Retorromances: son as falas romances xurdidas no antigo territorio dos réticos nos Alpes orientais. Hoxe restan tres linguas como resto dun contínuum que outrora ía dende o centro de Suíza ata o centro de Austria e Eslovenia e incluía tamén a zona centro-oriental dos Alpes italianos: o romanche, lingua falada por unhas 40.000 persoas, cooficial no cantón dos Grisóns (xunto co alemán e o italiano) e cun estándar creado a partir das súas cinco variedades; o ladín, propio dos Alpes dolomitas italianos na raia entre as rexións de Trentino-Alto Adigio e o Véneto, mais só con status de lingua rexional na primeira rexión e falado por unhas 40.000 persoas; e o friulano, falado na maior parte da rexión de Friul-Veneza Julia por máis de 600.000 persoas e con status de lingua rexional e un estándar oficial.
Galoitalianas: a liña de isoglosas La Spezia-Rímini, tamén chamada Massa-Senigallia, separa nidiamente os “dialectos” norteitalianos do resto. Catro constitúen un grupo máis vencellado: piemontéslombardolígur e emiliano-romañol; mentres que o véneto presenta trazos máis distintivos; e o istriota, mínima fala do suroeste de Istria usada por unhas 400 persoas, está en discusión a súa clasificación, variando dende a relación co véneto ata o desaparecido dálmata.
Italorromances: aquí están todas as falas meridionais á liña La Spezia-Rímini, que se subdividen á súa vez en catro grupos de norte a sur: o italiano estándar (lingua elaborada procedente do toscano medieval florentino), o toscano actual e mais o corso (con status de lingua rexional en Córsega e no norte de Sardeña nas falas sasaresa e galuresa); os dialectos centromeridionais italianos, que inclúe as falas do Lacio, a Umbría e as Marcas principalmente, todas elas estreitamente relacionadas co toscano e o italiano estándar; os dialectos meridionais italianos, co campano e o napolitano como forma máis prestixiada, o abruzzés, o molisano, o apuliano e o lucano, todos máis estreitamente relacionados cos dialectos do extremo sur ca co italiano estándar; e os dialectos extremomeridionais italianos que inclúe o siciliano, o calabrés e o saletino.
Sardo: constitúe por si só un grupo propio grazas ás súas singularidades e esta dividida internamente por dúas variedades: logudorés, no centro setentrional da illa, e campinadés, na metade sur da illa. É lingua cooficial dende 1997 e conta cun estándar oficial. No extremo setentrional da illa fálanse os dialectos galurés e sasarés, considerados variantes do corso.
Balcanorromances: abranxe as linguas romances do leste de Europa, desenvolvidas maiormente baixo o Imperio Bizantino. Dentro está o extinto dálmata, coñecido por dúas variantes: ragusano e vegliota; e catro aínda con falantes: o romanés, oficial tanto en Romanía coma en Moldavia; o aromanés, falado por unhas 250.000 persoas en núcleos dispersos en Grecia, Macedonia, Albania e Bulgaria; o istriorromanés, falado no leste de Istria por menos de cincocentas persoas e quizais orixinado por unha emigración romanesa na Idade Media; e o meglenorromanés, falado na raia entre Grecia e Macedonia por unhas 5.000 persoas.
Se ben é certo que non existe unanimidade na clasificación lingüística, si é evidente que houbo unha evolución cara a un maior recoñecemento de singularidades lingüísticas dentro das antigas “linguas romances”. E aínda que o status de oficialidade deixou de ser requisito básico para o recoñecemento como idioma dunha determinada fala, de certo que segue a ser factor esencial para a súa inclusión entre os idiomas románicos a ter en conta e seren obxecto de estudo, o exemplo da nosa lingua é ben exemplarizante ao respecto.
Porén, cantas destas “falas” seguiran a existir o vindeiro século? A verdade é que poucas, pois a tendencia inexorábel é cara a redución lingüística. A realidade sociolingüística que permitiu o nacemento de tanta diversidade, tras a disolución do latín vulgar orixinal, e o seu desenvolvemento secular hai tempo que mudou para unhas sociedades lingüísticas totalitarias baseadas en Estados que promoven, ou mesmo impoñen, unha única lingua de relación, onde o pequeno ou o senlleiro, na súa segunda acepción, ten pouco porvir. Prima a uniformación da sociedade, e as linguas non fican á parte. Con todo, o paso primeiro para que unha fala non desapareza é adquirir un status oficial, logo teñen de vir outros, mais sen este primeiro dereito non pagan a pena os demais. Por esta razón é máis posíbel que o aranés, no seu pequeno recuncho pirenaico e malia o seu reducido número de falantes, grazas ao seu status de lingua oficial no Val de Arán, sobreviva durante máis tempo ca calquera outra variante occitana en todo o cumprido sur de Franza sen status oficial ningún que protexa o seu uso e obrigue ao seu coñecemento.

[Fonte: www.praza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário