O Memorial de Caen presenta por primeira vez en Europa as obras máis destacas do soado ilustrador estadounidense
Por
ASUNCIÓN SERENA
O pintor estadounidense Norman Rockwell é un dos ilustradores máis soados do seu país. Durante
medio século, os seus traballos foron portada do Saturday Evening Post, a
revista que modelou a opinión da clase media americana durante décadas.
Agora, con motivo do 75.º aniversario do Desembarco e a visita
de Donald Trump, o
Memorial de Caen presenta por primeira vez en Europa as obras máis
representativas de Rockwell, entre elas, as Catro liberdades e O Problema co que todos convivimos. En
1941, Franklin D. Roosevelt pronunciou un discurso insistindo na dimensión
mundial da guerra que abrasaba Europa e cunha chamada a romper o isolacionismo
dos Estados Unidos para defender os valores democráticos resumidos en catro
liberdades: liberdade de expresión, liberdade de conciencia, liberdade de vivir
ao abrigo da necesidade e liberdade de ser protexido.
Cando por fin entraron en guerra, e para convencer os americanos
da necesidade de financiala, as autoridades recorreron aos cadros que Rockwell
creara inspirado no discurso de Roosevelt. A iniciativa foi un éxito, a exposición itinerante converteuse no símbolo de unidade
da nación, e contribuíu a recadar 130 millóns de dólares.
REPRESENTACIÓN AMABLE |
Ás Catro Liberdades seguirían
moitas outras obras sobre a guerra, pero que en ningún momento reflicten a
dureza da vida no campo de batalla nin os dramas vividos polas familias dos
soldados. «Rockwell
foi moi criticado por esa representación amable -afirma Stéphane Grimaldi,
director do Memorial de Caen-, non fala nos seus cadros das feridas, nin da
morte, nin do combate ». Por exemplo, prefire
representar a volta a casa dun soldado, no seu cuarto de neno, sorrindo ante o
espello ao ver que o traxe se lle quedou pequeno. «Foi moi criticado por esa
amabilidade», asegura Grimaldi.
O artista tivo que esperar o final do seu contrato co Saturday
Evening Post para pintar a realidade da sociedade do seu país
cunha mirada máis xornalística. «Teño
unhas ganas tolas de pintar temas contemporáneos», comentou Rockwell en 1966. Esta
época constitúe a segunda parte da exposición.
As imaxes «son máis
graves porque aborda os temas sociais, políticos e raciais», comenta o
director do Memorial de Caen, que destaca dous cadros deste período: O
dereito a saber e O problema que nos concirne a todos.
O primeiro fala dos interrogantes da sociedade americana fronte á acción do
goberno na guerra de Vietnam, e o segundo, do drama racial encarnado nunha nena
de seis anos.
A protagonista é Ruby Bridges, a primeira nena negra que entrou
nun colexio reservado para os brancos en 1960, a pesar de que o tribunal
supremo declarara inconstitucional a segregación nos colexios públicos
americanos en 1954.
A inocencia e dignidade de
Ruby Bridge, vestida de branco, contrasta coa presenza dos catro axentes
federais que a escoltan e a violencia dos insultos racistas sobre a parede de
fondo. Na exposición tamén se poden contemplar as cartas de apoio
ou de insulto que Norman Rockwell recibiu tras a publicación da súa obra.
[Imaxe: Norman Rockwell Museum - fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário