Por David Rouco Pernas
En data de 28 de febreiro saltou ó panorama da prensa nacional as intencións de Casado e da directiva do PP de incluír no seu programa electoral o que viñeron a denominar “Lei de Linguas”. O nome de tal proposta lexislativa, xa nun primeiro momento daba lugar a pensar cal serían as intencións ou as necesidades da mesma, ou por outro lado ver cal sería o marco para á súa inclusión a nivel competencial. Tales dúbidas confirmáronse ó coñecer a ratio legis de dita proposta, ó ir esta encamiñada na dirección de paliar a suposta “discriminación de sofre o castelán en aquelas autonomías nas que existe unha cooficialidade de linguas”.
Non obstante, a tese do PP non é unha nova noticia. Son múltiples as manifestacións dos autodenominados partidos constitucionalistas, na liña de “esixir que se acabe coa discriminación do castelán”, que en Galicia existe un “apartheid idiomático”, ou falsas afirmacións carentes de calquera tipo de fundamento coma as vertidas por Toni Cantó en sesión parlamentaria o sinalar que “o castelán desapareceu de Galicia”. Non deben ser conscientes do diglosismo instaurado na autonomía e patente no día a día...
A proposta da Lei de Linguas que quere articular o PP –e ca que con toda probabilidade os resto de partidos da dereita estarán dacordo– pretende a unificación dos actos das administracións públicas en castelán. Se ben, este é un obxectivo velado. O fin directo de tal lexislación é prohibir que as linguas cooficiais, sexan requisito indispensable para acceder a un emprego público.
Tal afirmación tira por terra non solo a oficialidade das linguas, senón o nivel competencial previsto no título oitavo da CE; a lexislación autonómica en materia lingüística; o estatuto de autonomía, e finalmente a propia Constitución.
É de lembrar que o propio artigo quinto do estatuto de autonomía de Galicia que sinala “os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de coñecelos e empregalos”. Na mesma liña, a lei de normalización lingüística 3/83 de 15 de xuño nunha exposición de motivos breve pero respondendo a necesidade de tal lexislación expón: “A Constitución do 78, ó recoñecer os nosos dereitos autonómicos como nacionalidade histórica, fixo posible a posta en marcha dun esforzo construtivo encamiñado a plena recuperación da nosa personalidade colectiva e da súa potencialidade creadora. Un dos factores fundamentais desa recuperación es a lingua, por ser o núcleo vital da nosa identidade. A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, e a verdadeira forza espiritual que lle dá unha identidade interna a nosa comunidade. Únenos co pasado do noso Pobo, porque dél a recibimos como patrimonio vivo, que nos unirá no futuro, porque a recibirá de nós como legado de identidade común. E na Galicia do presente sirve de vínculo esencial entre os galegos afincados na terra nativa e os galegos emigrados polo mundo.” Se ben dita norma, no seu inicio foi obxecto de recurso de insconstitucionalidade promovido polo goberno de pola redacción do artigo 1 do texto, cun literal: “O Galego é a lingua propia de Galicia. Todos os galegos teñen o deber de coñecelo e o dereito de empregalo”.
Tal recurso foi abordado polo Tribunal Constitucional pronunciándose en Sentenza 84/1986 de 26 de xuño. Nese pronunciamento o Tribunal ven a manifestar a inconstitucionalidade da lei de normalización lingüística, xa que a imperatividade de coñecemento da lingua autonómica, non ven imposta pola Constitución. Sen embargo, é necesario ter en conta o anterior, dada a argumentación que fai o representante do Parlamento Galego para a defensa da norma. Sinala o representante, que o deber de coñecemento do galego que pretende a norma, carece de esixibilidade coercitiva, senón que está referido ó mundo dos valores, e que debe interpretarse, no sentido do imperativo ético, xuridicamente non esixible, e que se traduce no deber social dos galegos como colectividade de salvagardar a lingua, e que dita obrigatoriedade, máis ben vai dirixido de cara ós poderes públicos. Maniféstase por tanto desta maneira a vontade de que as administracións públicas, si teñan o deber de coñecer o galego coa fin de poder cumprir o disposto no Estatuto de Autonomía “todos teñen o dereito de coñecelos e empregalos”.
O artigo 3 da Constitución, que sinala que o castelán en a lingua do Estado e que as demais linguas serán oficiais nas súas respectivas comunidades, non foi nos seus inicios unha cuestión carente de litixiosidade, dando lugar a un corpo xurisprudencial en moitos casos, derivado das políticas lingüísticas das autonomías que contribuíron a asentar a doutrina interpretativa do precepto. O feito de prohibir que coñecer o galego sexa un requisito para o acceso a un emprego público, non poder menoscabar o deber que teñen as administracións de coñecer e empregar o galego, e por outro lado, afectaría ós dereitos dos galegos de acudir a unha administración desprovista de medios suficientes para o mantemento da lingua.
A cuestión que aquí se aborda xa foi obxecto de tratamento no ano 91, tamén polo Tribunal Constitucional, no seu pronunciamento 46/91 de 28 de febreiro. Neste caso analiza o Tribunal o artigo 34 da lei do Parlamento de Cataluña 17/1985 de 23 de xullo da Función Pública da Administración da Generalitat. O recurso promóvese polo Goberno contra a redacción do propio precepto que expón: “no proceso de selección deberá acreditarse o coñecemento de lingua catalana na súa expresión oral e escrita”. Sinala neste caso o Tribunal, que o catalán é a lingua da Administración a Generalitat, xunto co castelán, sendo válidos e eficaces as actuacións administrativas feitas en catalán, e que os particulares gozan do dereito de empregar o catalán nas súas relacións coa Administración. Por iso, chega a considerar que se trata dun requisito xustificando e equitativo en función da propia eficacia da Administración Autónoma, polo que resulta constitucionalmente lícito esixir en todo caso un certo nivel de coñecemento de lingua catalana que resulte imprescindible para que o funcionariado poda exercer correctamente o seu traballo na administración autonómica dado o carácter cooficial do idioma catalán en Cataluña e dada tamén a extensión do uso do catalán en toda a Autonomía.
Sendo así, compróbase que o criterio interpretativo do Constitucional de cara a cuestión que se expoñía ó comezo, está plenamente asentada. É lícito e constitucional o esixir un certo nivel de coñecemento do idioma para o acceso a calquera tipo de emprego público e iso, coa fin de salvagardar os dereitos dos galegos de relacionarse en galego coa propia administración.
Así as cousas, os chamados partidos constitucionalistas veñen a facer unha interpretación da constitución do que eles consideran debe ser axeitado ó seu criterio político, desoíndo así calquera tipo de doutrina ou demanda da xente dos lugares onde pretenden aplicar políticas de este calado.
Desta maneira, dous poden ser os razoamentos que se antollan. Por un lado instrumentalización do pobo galego, catalán ou vasco, obxecto de mentiras, para a construción de políticas populistas e a captación de votos naquelas autonomías onde non existen linguas cooficiais, sendo conscientes de que tal proposta vai en contra de toda legalidade e trunca o propio criterio do Constitucional o respecto. Ou por outro lado, a ignorancia é tal e a capacidade intelectual certamente limitada que nin entenden ou non queren entender, o que de forma poética plasma a exposición de motivos da lei 3/83 (transcrita anteriormente).
Sexa como sexa, agardemos que se trate de dunha medida que xamais vexa a luz e que esta Lei de Linguas quede en nada, ó menos, mentres o obxecto da mesma non sexa a promoción da propia lingua en lugar da súa limitación e condena.
[Fonte: www.praza.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário