Falece aos 95 o catedrático italiano que se converteu nun erudito da lírica medieval galega
Por X.F.
Giuseppe Tavani (Roma, 1924-2019), un dos nomes de
referencia para o estudo da lírica medieval galega, vén de falecer na súa
cidade natal. Catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de La
Sapienza, era académico de honra da RAG e mais honoris causa pola
Universidade de Santiago. Son recoñecementos institucionais a toda unha vida
de erudición sobre a cultura da Idade Media, co foco posto non só nas
achegas poéticas de Galicia, senón tamén da Provenza e de Cataluña,
onde tamén se sentiu a súa perda. A Academia
Galega sumouse este luns aos pésames polo pasamento do
profesor italiano.
A entidade galega lembra como
Tavani interpretou con rigor e erudición a literatura medieval galega,
da que desenvolveu unha interpretación que situaba no galego e non no
portugués as orixes primitivas da poesía trobadoresca, da que Santiago de
Compostela sería un centro difusor. «Galicia inventa unha maneira de facer poesía
distinta da transpirenaica, creando un xénero orixinal, que non ten
analoxías por ningures», sostivo no seu
discurso de aceptación da distinción como membro de honra da RAG no 2004. «O
resultado foi un modelo poético que soubo imporlle a toda a Hispania
centrooccidental e a poetas non só galegos,e que produciu un conxunto de
textos de gran relevancia cultural, máis que suficiente para caracterizala
coma unha Provenza peninsular, forxa ou berce dunha das
máis importantes manifestacións líricas da Idade Media».
O seu saber investigador
levouno a escribir numerosos artigos e libros, entre os que
destacan As
cantigas de escarnio, en colaboración
coa tamén académica de honra da RAG Giulia Lanciani -falecida en
novembro pasado- e Dicionário da
Literatura Medieval Galega e Portuguesa. Para Tavani, ademais, a relación entre
galego e italiano foi unha viaxe de ida por volta, xa que
tamén traduciu á súa lingua materna obras como o Grifónde Alfredo Conde ou Tempo de Compostela, de Salvador García Bodaño.
|
Isac Nunes da Luz Cordeiro *** Tradutor Público e Intérprete do Comércio *** Idiomas: francês, espanhol, catalão e galego *** Matriculado na Junta Comercial do Estado do Paraná *** Curitiba *** República Federativa do Brasil
segunda-feira, 25 de março de 2019
Giuseppe Tavani, o sabio das cantigas
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário