Máis que comezar, o libro desprégase. “Ao esmorecer a alba... Vaite, díxenlle, fociños de poli, fociños de vaca, vaite, non soporto os lambecús do poder e os abesouros da esperanza”, escribe o poeta. Trata do seu retorno á Martinica, como un Arredor de nós anticolonial: Aimé Césaire (1913-2008) tivera que marchar para comprenderse. Caderno dun regreso á terra natal (1939), texto decisivo para a negritude e a ampliación da poesía en lingua francesa, aparece por primeira en galego.
Fort de France, na Martinica, nunha vella postal. |
Por DANIEL SALGADO
“Ao esmorecer a alba, de enseadas fráxiles agromando as Antillas están famentas, as Antillas agreladas de bochas, as Antillas dinamitadas polo alcol, embarrancadas na lama desta baía, no pó desta cidade sinistramente embarracandas”, afirma, nunha ladaíña terríbel e visceral, desatada. Aquí non existe a distancia entre o eu poético e o autor: Césaire constrúe unha imprecación laica, o documento fundacional da negritude, a inversión de valores dominantes que adoita preceder a revolta: “Eia polos que nunca inventaron nada / por aqueles que nunca exploraron nada / por aqueles que nunca domaron nada”.
Publicado por Laiovento e con tradución do profesor da Universidade de Vigo Miguel Ángel Fernández García, o Caderno dun regreso á terra natal espertou no seu día a admiración abraiada de vultos da poesía non conformista. Por caso, a do papa surrealista André Breton ou a de Benjamin Péret. Foi este quen redactou o limiar para a edición en castelán de 1943: “Teño aquí a honra de saudar un gran poeta, o único gran poeta en lingua francesa que apareceu en vinte anos”.
Porque Césaire, comunista despois distanciado do partido a causa da ambigüidade deste respecto da cuestión colonial, engadiu ao francés a insurrecta potencia dos trópicos, a beleza da cor negra e a ameaza da cor branca, a violencia, sempre a violencia que sofren os e as sometidas. E o orgullo de adquirir conciencia da opresión e reverter o mundo: o que está embaixo tamén pode estar enriba, a roda nunca deixa de xirar.
“Igual que existen homes-hiena e homes-pantera, eu serei / un home-xudeu / un home-cafre / un home-hindú-de-Calcuta / un-home-de Harlem-que-non-vota / o home-fame, o home-insulto, o home-tortura a quen”, escribe, “podían en todo momento apresalo, mallalo, matalo, matalo -matalo sen máis – sen ter que render contas a ninguén sen ter que pedir desculpas a ninguén / un home-xudeu / un home-progrom / un cadelo / un mendicante”.
A poesía de Aimé Césaire -tamén dramaturgo e durante anos alcalde de Fort de France, na Martinica- discorre entre a combustión de imaxes poderosas e a toma de terra, entre a extraordinaria inventiva estética e a repulsión contra o estado de cousas. “O poema, que xorde dun malestar existencial evidente no cúmulo de imaxes que se van amontoando na súa imaxinación, supón unha baixada aos infernos”, considera no prólogo o tradutor Miguel Ángel García Fernández, “en termos de Sartre, na procura da súa verdadeira identidade: quen son?”.
Redención e condena, sublevación e marabilla, o Caderno do regreso á terra natal é unha obra maior da literatura do século XX. Xesús González Gómez incluíra algúns fragmentos na Antoloxía da poesía surrealista de expresión francesa (Edicións do Castro, 1981). E en 2006, a dramaturga Vanesa Sotelo estreaba no Salón Teatro de Compostela a súa versión de E os cans calaban (1958), simbolista peza teatral de Césaire que, dalgún xeito, afonda nas cuestións e escenarios do Caderno.
Intelectual antiimperialista, co senegalés Leopold Sédar Senghor e o guianés Léon Gontran Damas teorizador do concepto de negritude que el mesmo logo criticou por insuficiente, case reaccionario, Aimé Césaire escribiu para, ao cabo, conquistar a liberdade dos condenados da terra. “de pé / e / libre / e o navío lustral avanza impávido sobre as augas derrubadas”, inscribe no tramo final deste, o seu libro de fogo.
Nota: enriba Aimé Césaire na etapa final da súa vida. Embaixo, cuberta da edición galega de Caderno dun regreso á terra natal.
[Fonte: www.sermosgaliza.gal]
Sem comentários:
Enviar um comentário