quarta-feira, 20 de fevereiro de 2019

O Camiño Portugués, máis coidado en Portugal ou en Galicia?


Así quedou un tramo do Camiño Primitivo ao seu paso pola Fonsagrada tras unhas obras da propia Xunta / Foro do Camiño

Por  ÍÑIGO MOUZO RIOBÓ

O Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa son os dous itinerarios que percorren Portugal dende a cidade de Porto ata as localidades de A Guarda ou Tui. Un total de sete xornadas que pasan por localidades tan importantes e monumentais coma a propia cidade do Porto, Braga, Ponte de Lima, Viana do Conde, Viana do Castelo ou Caminha. Despois de percorrer este itinerario, o camiño continúa a través da costa galega durante 6 xornadas máis ata a cidade de Santiago de Compostela.
O Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa son, ademais, dous dos itinerarios que están a experimentar unha maior revitalización fora das fronteiras galegas. De feito, en 2018 foron percorridos por un 14,5% e un 89% máis de peregrinos, respectivamente que o ano anterior, sumando o primeiro case 68.000 peregrinos, e o costeiro preto de 14.000 peregrinos. En conxunto, ambos itinerarios supoñen o 25% do total das Compostelas entregadas.
Un proxecto de futuro en Portugal
É, precisamente, pola importancia crecente destes dous itinerarios, polo que o o Conselho de Ministros de Portugal acaba de aprobar o decreto-lei que regula a valorización e promoción do Camiño de Santiago. Tamén a través da certificación dos seus itinerarios e da creación dun órgano de coordinación nacional na ruta. Así o Goberno de Portugal, do socialista Rebelo de Sousa, está a apostar polo camiño como fonte de promoción cultural e turística no norte do país.
Porto / foto olafpicturesCC0
O decreto busca, en esencia, definir os criterios comúns aplicables ó recoñecemento oficial do Camiño de Santiago, a súa salvagarda, valorización e promoción. Con este fin, prevese, ademais, crear a Comissão Executiva do Caminho de Santiago (CECS), un órgano de coordinación no ámbito nacional portugués, así como un Conselho Científico do Caminho de Santiago, un órgano para o seu estudo.
Unha inversión de 5 millóns de euros en Galicia
Porén no ó norte do Miño, o Camiño Portugués de Santiago estase a converter nunha das rutas clave do turismo galego, xa que foi, nos últimos anos, a ruta maior incremento. Isto non é alleo á propia Xunta, centrada nos últimos anos en facer do Camiño de Santiago o barco insignia do mandato de Núñez Feijóo. É por isto que do lado galego tamén se están a desenvolver importantes avances.
Catedral de Tui / foto xunta.gal
Un deles é a inversión de 5 millóns de euros para a ruta galega, nas súas dúas variantes, por A Guarda e por Tui. Este orzamento, destinado a ambas rutas, estará orientado á súa sinalización, a rehabilitación dos Bens de Interese Cultural, reforma e impulso de albergues, seguridade e atención ós peregrinos, ademais de numerosas iniciativas de promoción, difusión e divulgación.
Ademais, estase a traballar na coordinación dos traballos entre os dous países. A Consellería de Cultura e Turismo de Galicia e o goberno de Portugal veñen colaborando dende o ano 2015. Neste momento atópanse traballando no proxecto Fazer Caminho que aspira ó financiamento do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.
Camiño de Santiago / foto larahcvCC0
[Fonte: www.historiadegalicia.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário