Eloy Domínguez Serén retrata o limbo no que se atopa a mocidade dos campos de refuxiados en «Hamada», unha sorte de «road movie» que circula sobre si mesma
Eloy Domínguez Serén, cun dous protagonistas de «Hamada». nun intre dá rodaxe.
Por XESÚS FRAGA
Hamada, o último filme de Eloy Domínguez Serén (Simes, Meaño, 1985) podería cualificarse de road movie. Parte da metraxe amosa aos protagonistas fedellando con repostos e motores, aprendendo ou ensinando a conducir, ou ao volante Coruñados seus vehículos. Emprenden viaxes que, porén, os devolven ao punto de partida. Porque estes mozos viven nun dos campamentos dos refuxiados saharauís, nos límites paradoxais do horizonte infinito do deserto: hamada significa en árabe esa variedade, árida e rochosa, do deserto.
«Atópanse, con apenas vinte anos, recluídos neste limbo, como ben sinalas, de area e pedra. Privados de liberdade, sen perspectivas de futuro, nese momento decisivo das súas vidas, con toda a enerxía, vitalidade, soños e expectativas da mocidade, pero sen apenas oportunidades de canalizar todo ese ímpeto e puxanza que levan dentro», confirma Domínguez Serén. «Son a segunda e mesmo terceira xeración que nace xa nos campamentos e nunca viron a súa terra, o Sahara Occidental. Apenas a coñecen polas historias que lles contan os seus pais e avós», engade. «E, malia todo, non desfalecen, intentan darlle sentido ao seu día a día, rebelarse e reinventar a súa realidade. Conservan a esperanza e un sentido do humor asombroso. É admirable», di o cineasta, que participa este venres en dous pases con cadanseu coloquio (18.00 e 20.30 horas) no CGAI na Coruña.
Empatía e humor
Con este mesmo espírito, Hamada non renuncia a un propósito político -entendendo como político a visibilización dunha situación de inxustiza- pero aposta por unha ollada próxima, empática, mesmo íntima, e que reborda humor. «Sempre tiven claro que a historia tiña que narrarse dende a convivencia, dende a confianza mutua que se foi establecendo durante as miñas longas estadías nos campamentos -a primeira visita que Domínguez Serén fixo alá foi no 2014, en calidade de profesor voluntario dunha escola de cinema-. Eu estaba interesado sobre todo en escoitar, en pasar tempo cos máis novos, coñecelos e escoitar o que tiñan que dicir».
A mecánica e vos coches teñen un gran protagonismo en «Hamada» |
O eixe de Hamada é ese contrasentido: uns rapaces que pasan o tempo arranxando coches que non os levarán a ningunha parte. «Exacto, ese é o grande paradoxo. Practicamente todas as familias saharauís teñen vehículos, e son extraordinarios mecánicos. Ficarías abraiado dos inventos que son quen de argallar para arranxar un motor. É impresionante», describe o cineasta. «E, porén, todos eses coches, eses Land Rover Santana, eses vellos Mercedes AMG, todos eses coches oxidados que xa non se ven nas nosas rúas, e que con tanta devoción arranxan e coidan, apenas poden levalos a ningures, porque están confinados nesa hamada, nese deserto dos desertos, invisíbeis ao resto do mundo».
Malia esa situación tan particular, o filme ten a virtude de non vitimizar nin caer no dramatismo, algo que esquiva con grandes doses de complicidade e comicidade. Os protagonistas amosan esa rebeldía e ilusión propias da condición moza, os achegamentos para divertirse ou emparellarse, e esa mesma universalidade dos seus sentimentos a que fai que Hamada funcione entre os públicos máis diversos (Domínguez Serén xa foi premiado en festivais como o de Xixón ou o de Porto). «Malia a dureza do contexto no que se desenvolve o filme, a xente ri moito, e con ganas, en varias das escenas. É imposible non facelo. A parella protagonista é alucinante, sobre todo ela, Zaara, un auténtico fedello, cunha enerxía desbordante, que namora en cada pase da película», afirma o director. Quizais se explique, en parte, porque Domínguez Serén foi quen de captar esa naturalidade coa cámara.
Premios en diversos festivais e estrea en Galicia
Ademais dos premios que obtivo Hamada, Domínguez Serén está especialmente satisfeito da boa acollida que está a ter o filme entre públicos de países como Suecia -onde o cineasta viviu unha tempada e que retrataría no seu filme Non Cow on the Ice-, Holanda, Portugal, Suíza ou España. «É o que máis felices nos está a facer. A acollida está a ser espectacular, a verdade», relata. «O filme estreouse en IDFA, no que está considerado o festival de cinema documental máis importante do mundo, onde tivemos seis pases, e en tres deles esgotáronse as entradas, malia a ser salas enormes. A mesma dinámica foise repetindo en cada festival ao que fomos, ata o punto de que a película xa ten garantida a súa estrea en cinemas tanto en Suecia como en España, con especial presenza en Galicia, espero».
En Galicia xa se puido ver en Cineuropa, onde se celebrou un encontro aberto ao público no participaron un dos protagonistas, o escritor Manuel Rivas e varios especialistas no conflito saharauí. Ese era un dos obxectivos de Hamada: «Dar a coñecer, debater e discutir nun contexto internacional este conflito tan complexo, tan inxusto e lamentablemente tan descoñecido». Por iso, as proxeccións van acompañadas de debates e actividades paralelas. «No Museo Pompidou de París convidáronnos a facer varios pases do filme, un deles especificamente destinado a alumnos e alumnas de instituto. Estamos moi satisfeitos de que público de Holanda, Noruega, Portugal, Bulgaria, Alemaña, Arxentina ou Uruguai, que descoñecían a problemática do pobo saharauí, se poidan achegar a esta xente a través da nosa película», incide o cineasta.
Por último, hai tamén unha dimensión material dos premios de Hamada, xa que as súas dotacións foron destinadas ás familias dos protagonistas e mais un centro de saúde para nenos saharauís. «Como cineasta, non se pode pedir máis dunha película tan pequeniña», di o seu director.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário