quarta-feira, 17 de abril de 2024

A Lei de memoria permite ilegalizar organizacións franquistas... pero non nazis

O Goberno estatal matiza que a lei abre a porta á disolución de entidades que "fagan apoloxía do franquismo", pero non "do Terceiro Reich ou, en xeral, da ideoloxía nacionalsocialista". 



O Goberno español vén de aclarar, en resposta a unha pregunta formulada por Esquerra Republicana, que a Lei de Memoria Democrática abre a porta á disolución de entidades que "fagan apoloxía do franquismo", pero non "do Terceiro Reich ou, en xeral, da ideoloxía nacionalsocialista". Así contestou o Executivo ao deputado de ERC no Congreso Francesc-Marc Álvaro Vidal, quen se interesou pola posibilidade de actuar contra asociacións como Devenir Europeo por "enxalzar a xerarquía do Terceiro Reich e difundir a ideoloxía nacionalsocialista".

O deputado de ERC contrastaba na súa pregunta o feito de que en países como Alemaña, a diferenza do que ocorre no Estado español, estea prohibido facer apoloxía do nazismo. A este respecto, o Goberno salienta que a Constitución española, a diferenza da alemá, "non é militante", polo que "non existe unha proscrición constitucional xenérica de ningunha ideoloxía".

Máis dun ano de atraso

Na súa resposta, o Goberno estatal especifica que a reforma da Lei Orgánica do Dereito de Asociación, que mandata a Lei de Memoria e que tería que realizarse antes do pasado mes de outubro, "fai referencia unicamente á disolución das asociacións que fagan apoloxía do franquismo, non do Terceiro Reich ou, en xeral, da ideoloxía nacionalsocialista".

O Executivo tamén recalca que a Constitución estabelece que as asociacións só poden ser disoltas ou suspendidas nas súas actividades en virtude de "resolución xudicial motivada", e engade que o Ministerio do Interior, que rexenta o rexistro de asociacións, "non ten coñecemento de actividades de Devenir Europeo ou doutras entidades que poidan ser constitutivas de ilícito penal determinante, no seu caso, de que a entidade haxa de cualificarse como asociación ilícita".

En todo caso, lembra ao deputado soberanista que calquera persoa que teña coñecemento dun feito que poida ser constitutivo de delito perseguíbel de oficio, "ten a obriga legal de poñelo en coñecemento da autoridade xudicial ou do Ministerio Fiscal" e que o Código penal si prevé sancións por incitación ao odio, a violencia e a discriminación.

A Lei de Memoria Democrática contén senllas disposicións adicionais nas que se prevé, respectivamente, a extinción de fundacións e a revogación da declaración de utilidade pública das asociacións que fagan apoloxía do franquismo, enxalcen o golpe de Estado de 1936 e a ditadura ou humillen a dignidade das vítimas.

E, en concreto, a disposición adicional sétima prevé a modificación da Lei de Asociación para incluír como causa de disolución "a realización pública de apoloxía do franquismo que enxalce o golpe de Estado e a ditadura ou enaltezan os seus dirixentes, con menosprezo e humillación da dignidade das vítimas do golpe de Estado, da guerra ou do franquismo, ou incitación directa ou indirecta ao odio ou violencia contra as mesmas pola súa condición de tales".



[Foto: Marti Segura Ramoneda / Europa Press - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário