segunda-feira, 15 de abril de 2024

A bandeira branca de Korchnoi

 



Escrito por DIEGO AMEIXEIRAS 

Experimentei unha súbita sensación de estranxeiría durante o café. Unha impresión de expatriado vendo o telexornal. Un ataque de desarraigamento despois de escribir un folio. Isto de Juan Gelman: «Me echaron de palacio [...] / me abrasan llamas vivas / estoy expulsado de mí». Sendo cativo, cando aínda non me botaban dos pazos, xogaba ao xadrez. Nalgún lugar da casa, en Ourense, debo conservar un par de trofeos gañados no Aninovo de Barrocás, daquela un torneo incipiente. Era a época gloriosa de Garri Kasparov, pero eu prefería a Viktor Korchnoi, un titán fuxido do réxime soviético que nunca conseguiría, a pesar do seu talento, ser campión do mundo. Atraíame a súa condición de apátrida. O seu estigma de brillante perdedor, que o perseguisen espías da KGB. En Baguió (Filipinas), na final do campionato mundial de 1978 —un encontro lendario que daría lugar a un filme, La diagonale du fou—, falouse de que se enfrontaría a Anatoli Kárpov cunha bandeira branca xunto ao taboleiro. Á falta de confirmar a súa nova nacionalidade —máis tarde, daríanlle asilo en Suíza—, exercía de orgulloso espírito errante do xadrez internacional.

Toda cultura tenta comprender a realidade a través das tradicións, construíndo imaxinarios que piden lealdade e adhesión emocional. Por iso se ondean bandeiras e se entoan himnos con fervor patriótico. Pero nos abismos da nosa personalidade, cantadas as fazañas dos heroes, somos sempre estranxeiros. As crónicas da espectacular final contra Karpov contan que Korchnoi quixo escribir unha mensaxe —«Eu escapei»— naquela bandeira branca que nunca chegaría a colocarse sobre a mesa, como tampouco o emblema soviético que identificaría o seu rival. En realidade, o meu ídolo infantil abandonara a URSS por cuestións deportivas e non tanto políticas. Tiven sorte estes días. Convidáronme a ver de novo Os 4oo golpes, a película de François Truffaut onde Antoine Doinel, escapando das duras estranxeirías da adolescencia, bota a correr ata que alcanza o mar nun dos desenlaces máis lembrados da historia do cine. Nesa fuxida confírmase unha idea de Kafka: ninguén nace estranxeiro, pero calquera pode chegar a selo. Outra vez Juan Gelman: «El pájaro se desampara en su vuelo / quiere olvidar las alas / subir de la nada al vacío». Dixen que padezo varios exilios durante o día. Engado que consigo combatelos coa ruta que suxiren estes tres versos.


[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário