quarta-feira, 13 de abril de 2022

«Ningún de nós ha volver», de Charlotte Delbo


 Charlotte Delbo

Ningún de nós ha volver (tradución de Sergio Gómez Blanco)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 138 páxinas, 16 €, 2022

Escrito por Ramón Nicolás

Adóitanse considerar como textos claves da denominada literatura da Shoah, ou literatura do Holocausto ou, se se quer, volumes como Se isto é un home (1947), de Primo Levi; o Diario de Ana Frank -leo arestora o magnífico Despois do Diario de Anna Frank-; A especie humana (1947), de Robert Antelme e A noite (1958), de Elie Wiesel, estas dúas últimas “aínda” non traducidas á nosa lingua. Hai, con todo, unha longa listaxe de pezas narrativas de altura entre as que se atopa a que nos trae Rinoceronte da man do tradutor Sergio Gómez Blanco, que realizou un excelente traballo, como é Ningún de nós ha volver, de Charlotte Delbo.

Teño para min que este volume, considerándoo como documento literario testemuñal e de primeira man, é unha extraordinaria peza literaria que transmite a indignidade á que foron sometidas, especialmente, un continxente enorme de mulleres no campo de exterminio de Auschwitz da man dunha delas que logrou sobrevivir, aínda que probablemente nunha situación límite tal e como confesa. De feito, Delbo tivo que deixar vinte anos para decidir, en París, darlle forma literaria á súa traumática experiencia, persoal e colectiva. Ela fora deportada a Auschwitz-Birkenau en 1943, como integrante da Resistencia francesa, a carón de 230 mulleres das que tan só lograrían sobrevivir 49.

E a forma que lle deu as evocacións da súa memoria -rescatadas coma se se tratase dun diario escrito aqueles días do holocausto- transmite, con transparencia, a indignidade á que foi, mais ben á que foron sometidas ela e as súas compañeiras, pois sempre latexa unha vontade de converter, a súa, nunha voz coral e, indiscutiblemente, vinculada coa sorte que correu xunto coas súas compañeiras.

Teño para min que un dos elementos máis singulares da proposta narrativa radica na adopción dunha perspectiva na que abraza a plasmación precisa, tamén sobria do vivido, coma se quixese distanciarse daquela terrible realidade cotiá que viviu. En ocasións semellan dolorosas, claro é, estampas arrincadas da memoria que non queren perderse en requilorios formalistas malia que non atope outra formulación que converter algúns acontecementos, algunhas vivencias, en discursos líricos, sempre conmovedores, que apelan á ignominia que supuxo aquel paso polo inferno. Imposible manterse indiferente diante dunha obra coma esta.

 

[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário