sábado, 13 de novembro de 2021

«O quinto en cuestión», libro de Robertson Davies

                                             

Robertson Davies

O quinto en cuestión (tradución Alejandro Tobar)

Faktoría K, Pontevedra, 436 páxinas, 18 €, 2021


Escrito por Ramón Nicolás

Tras ler O quinto en cuestión, do escritor canadense Robertson Davies (1913-1995), asaltoume unha pregunta que esixía rápida resposta: como me pode engaiolar tanto un libro, de factura tradicional e que adopta a forma dunha longa misiva, novelada, que o protagonista -un tal Dunstan Ramsay- lle fai chegar ao director do centro de ensino no que acaba de xubilarse coa intención de que coñeza, da súa man, a súa propia vida e historia? Pois interesoume ata o punto de considerala unha das mellores novelas que tiven a sorte de coñecer nos últimos tempos. E talvez a razón estea cimentada en que, alén de encerrar unha prosa verdadeiramente magnífica -na que salienta a capacidade de saber contar e onde non ten escasa responsabilidade o tradutor desta obra para o galego, Alejandro Tobar- exhibe unha estrutura que funciona como un mecanismo perfectamente engraxado, con certa filiación coa dinámica teatral. Engádase que, ademais, parte dun asunto tan suxestivo como é o destino, a forza inapelable do destino, que anoa tres personaxes tras unha pelexa infantil con bólas de neve: unha delas golpea accidentalmente unha muller que, por esa razón, terá un parto prematuro.

Mais non é esta unha novela de corte biográfico: a través do protagonista -ese “quinto en cuestión” que debe o seu nome ao personaxe que é preciso que exista como enlace para que todo cobre sentido- se asoma a boa parte da historia do século XX -cun tratamento exemplar da I Guerra Mundial por exemplo- e revela unha panoplia de asuntos onde converxen as crenzas relixiosas e a presenza dunha “santa tola”, a maxia como parte do cotián ou o amor mais, sobre todo e ao meu ver, desvela os mecanismos polos cales a memoria é quen de deformar mesmo o que se viviu. Non esquezo as luzadas de ironía -inesquecibles os parlamentos co padre xesuíta Blazón, por un sinal- nin as reflexións sobre o valor da amizade, a culpa ou a responsabilidade como outros fíos argumentais deste primeiro volume dunha triloxía, a denominada de Deptford, que sen dúbida é unha sedutora exhibición imaxinativa. Oxalá poidamos ler, en galego, as dúas novelas restantes e outros libros deste magnífico autor: apunten, Robertson Davies.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 27 de agosto de 2021.

 

 

[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário